Luns 16 de Xullo de 2018

O Concello de San Sadurniño súmase aos actos reivindicativos co gallo do Día Internacional da Muller


A bandeira morada da loita feminista ondea desde esta mañá como único emblema visible na fachada da Casa do Concello. Izouse pouco antes do mediodía, momento no que a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, leu o texto aprobado no pleno do pasado sábado en apoio á folga internacional deste 8 de marzo. Arredor dunha trintena de persoas asistiron á concentración que, ademais, marcou o comezo do paro de dúas horas das mulleres que traballan nas oficinas municipais. O acto central con motivo do Día Internacional da Muller celebrarase o sábado 24 pola tarde na Casa da Cultura. Daquela volveranse poñer de manifesto o conxunto de motivos que fundamentan esta xornada de reivindicación, recollidos na moción presentada polo BNG no pleno -e apoiada polo PSOE- co seguinte contido:

“A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A fenda salarial en Galicia é do 23%, pois mentres que o salario medio anual dos homes se estima en 20.243 euros, o das mulleres só chega aos 15.730, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e pensións. Segundo os datos da Xunta, en San Sadurniño o paro feminino é un 10% superior ao dos homes. Máis aínda, no laboral as mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención da Xunta e o Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres. Por outra banda, ao tempo que cobran menos de media e sofren máis precariedade, no ámbito do consumo foméntase que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de ive.

Por causa do sistema patriarcal e da realidade socioeconómica, as mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e oportunidades. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar, por iso esta convocatoria tamén pretende chamar a atención sobre os coidados e as tarefas. Durante a crise, esta situación agravouse e o deterioro dos servizos públicos agrava unha desigualdade que, superado o ciclo económico da recesión, busca consolidarse. Desta forma, os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes.

A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotián, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.