Luns 09 de Decembro de 2019

Coruña Smart City mostra en Barcelona a primeira plataforma global en funcionamento de Europa


A Coruña aproveitou a súa presenza na feira para establecer contactos con catro cidades de cara a desenvolver proxectos conxuntos

A Coruña aproveitou a súa presenza na feira internacional Smart City Expo World Congress de Barcelona para mostrar ao mundo a primeira plataforma global en funcionamento de Europa. Fíxoo a través do posto de Coruña Smart City que, por primeira vez, se puido visitar neste espazo dedicado ás cidades intelixentes, e que durante os tres días que estivo aberto ao público recibiu máis de 10.000 visitas profesionais, superando todos os datos previstos pola organización.
O posto de Coruña Smart City, un dos máis visitados, permitiu ás empresas que traballan no proxecto ensinar a todo o mundo as solucións innovadoras que están a desenvolver na Coruña. Durante os tres días de feira celebraron numerosas reunións de traballo para vender os produtos que están a realizar dentro de Coruña Smart City a outras cidades.
Ademais, a presenza da Coruña na feira de Barcelona permitiu establecer contacto con catro novas cidades de cara a intercambiar experiencias e a desenvolver proxectos conxuntos, co fin de captar fondos europeos. A Coruña puxo en común o seu proxecto de cidade intelixente con urbes como Istanbul, Copenhaguen,Ámsterdam ou Eilat (Israel). Ademais, por segundo ano consecutivo neste evento internacional, A Coruña foi finalista nos premios ás propostas máis innovadoras que se entregan durante a Smart City Expo World Congress. Nesta ocasión, Coruña Smart Citychegou á final na categoría de mellor proxecto de cidade intelixente.
O proxecto de Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruñae Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Os 10 pilotos que se encontran en fase de execución son: o piloto de párking intelixente, eventos multicanles, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rego intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e sistema de calidade de aire e ruído. A estes dous hai que sumar os dous proxectos que están a punto de adxudicarse: o de mellora enerxética na ETAP da Telva e un sistema de optimización do tráfico. Os 14 proxectos piloto completaranse cos dous que acaban de saír a licitación: o de interacción cidadá e o BIO.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.