Martes 19 de Xuño de 2018

A III Feira do Queixo encherá Moeche de sabores e actividades o próximo 18 de marzo


O domingo 18 de marzo temos en Moeche a terceira edición da Feira do Queixo. Un evento que xa se consolidou como un dos principais referentes para descubrir a variedade e calidade dos queixos elaborados no municipio, pero tamén noutras partes de Galicia, do Estado e mesmo do mundo. Á cita acudirán unha vintena de queixarías procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Estremadura, aínda que tamén estarán representados queixos doustras partes de Europa. O queixo volverá ser, polo tanto, o eixo central dunha feira que busca promocionar todo o que pode dar de si a transformación leiteira baseada na calidade e na diferenciación dos seus produtos. Porén, a III Feira do Queixo tamén será punto de encontro onde haberá catas comentadas, música, maxia e obradoiros para a rapazada, ademais da entrega de premios do concurso de receitas que ten aberto o prazo de inscrición ata o día 16 a través do 981 404 006 ou da conta correo@moeche.gal. O Concello, como organizador da feira, conta coa colaboración de Gandería Lavandeira, Lácteos Moeche, Queixos Brigantia, Queixos Sanjurjo, Panadería Santa Cruz, Panadería Miguel e Casa do Mel, xunto coa da Deputación da Coruña. Á feira súmanse tamén os bares e restaurantes do municipio, onde durante toda a xornada servirán tapas elaboradas con queixo como ingrediente principal.

A feira arrancará o domingo 18 ás 10.00h. na nave do mercado coa apertura dos postos, entre os que poderemos atopar outros produtos que complementan ben o evento, como pan e empanadas, doces, mel e conservas. Iso si, a estrela é o queixo e como tal exhibirá unha grande gama de sabores, aromas, formas, procedencias e graos de maduración. Este ano hai inscritas 22 queixarías que traerán produto variado de Galicia, Asturias, O Bierzo, León e Estremadura, así como delicadas especialidades de Francia, Bélxica, Italia e Suíza. Moito onde elixir e moito para probar, xa sexa a través das degustacións gratuítas que adoita ofrecer cada posto ou das tres catas comentadas organizadas polo Concello.

A primeira cata desenvolverase ás 11.00h. tendo como protagonistas os queixos das tres denominacións de orixe asturianas, a segunda -prevista para as 12.00h.- comentará queixos de León e Estremadura e a última, ás 13.00h., ocuparase de probar e coñecer as características dos queixos galegos producidos por Cortes de Muar en Silleda e por Touza Vella en Castro Caldelas, que levaron en ambos casos premios nos “World Cheese Awards”, considerado no sector como o certame máis prestixioso do mundo. As catas acollerán un máximo de 60 participantes -20 por sesión- e os grupos iranse completando por orde de inscrición. O prezo de asistencia a cada unha delas son 3€ por persoa.

O queixo tamén se poderá saborear no bar Xambas, en Ubaldo, no bar La Terraza, en Casa Toñito, na taberna Irmandiños, no restaurante Delfino, no mesón O Campo e en Casa Pena. Todos estes establecementos engadiranlle aos seus menús habituais tapas e petiscos a base de queixo cos que acompañar as consumicións.

Outro dos grandes momentos da xornada será a entrega de premios do III Concurso de receitas con queixo, prevista para as 13.45h., aínda que os pratos participantes deberán presentarse entre as 10.30 e as 11.30h. Convócanse dúas categorías, unha de receitas doces e outra de receitas salgadas, para as que só se esixe utilizar o queixo como ingrediente principal en calquera das súas presentacións: fresco (non valerá o requeixo), cremoso, semicurado, curado, etc.

De acordo coas bases, o xurado valorará de 0 a 5 puntos a presentación, o sabor, a orixinalidade das propostas e a relevancia do queixo no conxunto do prato. Haberá premios para as dúas primeiras receitas en cada categoría. O concurso está aberto a calquera persoa afeccionada á cociña, sexa ou non de Moeche. En calquera caso poderán inscribirse ata o día 16 a través do correo electrónico correo@moeche.gal ou chamando ao 981 404 006 de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h.

Actividades paralelas
A III Feira do queixo de Moeche ofrecerá un completo programa de opcións paralelas para unha xornada que rematará cerca das 19.00h. A rapazada, como en pasadas edicións, gozará con actividades de animación, obradorios ás 11.00 e ás 12.00h. e, xa pola tarde, a iso das 16.00h., incluso poderá aprender a facer queixo da man da Gandeiría Lavandeira. Igual que nas catas, nestes talleres as prazas tamén son limitadas e será necesaria inscrición previa na propia feira.

Dentro das propostas culturais cómpre contar a actuación musical -pendente aínda de pechar- que animará a nave do mercado a partir das 13.00h., así como o espectáculo O Mellor mago do mundo que comezará ás 17.30h. cos abraiantes números do Mago Romarís, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Tampouco faltará o Tren do Queixo, logo da boa resposta que tivo nas anteriores edicións. Trátase dun servizo que busca facilitar os traslados a Moeche desde Ferrol e, ao mesmo tempo, reivindicar o valor do ferrocarril como medio de transporte e servizo imprescindible para a comarca. A liña partirá de Ferrol ás 10.45h. e tan pronto como chegue á estación haberá agardando un autobús fletado polo Concello para achegar as viaxeiras e viaxeiros ao recinto feiral. Á tarde o autocar fará o percorrido á inversa, a tempo para coller o tren que parte ás 17.29h. desde Moeche con destino a Ferrol. Entrementres o mesmo bus fará dúas rutas ao Castelo de Moeche, unha ás 12.00h. e outra ás 16.00h., para aquelas persoas que queiran visitar a fortaleza. A entrada será de balde para as usuarias do Tren do Queixo.

Programa completo da III Feira do Queixo de Moeche

Mañá
10.00h. Apertura da feira, coa participación de queixerías de Galicia, Asturias, León, O Bierzo, Estremadura e queixos de Italia, Francia e Suíza
10.30h. III Concurso de receitas con queixo (recepción de pratos do concurso ata as 11.30h. Inscricións ata o venres 16 de marzo no 981 404 006 ou da conta correo@moeche.gal)
11.00h. Obradoiro infantil “Puzzle de queixos e ratiños” – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
11.30h. Cata de queixos de Asturias – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
12.00h. Obradoiro infantil de elaboración de aperitivos doces e salgados con queixo. – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
12.00h. Cata de queixos de León e Estremadura – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
12.30h. Saída do bus para a visita ao Castelo de Moeche
13.00h. Cata de queixos de Galicia con recoñecemento internacional – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
13.00h. Actuación musical
13.45h. Entrega de premios do III Concurso de cociña con queixo

Tarde
16.00h. Obradoiro infantil “Aprendendo a facer queixo” coa Gandería Lavandeira (Moeche) – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
17.30h. “O mellor mago do mundo”, co Mago Romarís

Ao longo da xornada os establecementos hostaleiros de Moeche ofrecerán coas consumicións tapas elaboradas a base de queixo:
Bar Xambas, Bar Ubaldo, Bar La Terraza, Casa Toñito, Taberna Irmandiños, Restaurante Delfino, Mesón O Campo e Restaurante Casa Pena

Para facilitar o traslado a Moeche e promocionar o uso do ferrocarril, o Concello reedita o Tren do Queixo, que sairá de Ferrol ás 10.45h. con volta ás 17.29h. Haberá un servizo de autobús para os traslados entre a estación e o recinto feiral.

O Concello agradece a colaboración de: Gandería Lavandeira, Lácteos Moeche, Queixos Brigantia, Queixos Sanjurjo, Panadería Santa Cruz, Panadería Miguel e Casa do Mel de Goente.