Luns 18 de Xuño de 2018

Respaldo institucional na posta de largo en Ordes para ‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’


A Casa da Cultura foi o escenario para a presentación do libro escrito por Antonio López Mariño. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foi o encargado de conducir o acto que contou con numeroso público

O concello de Ordes acolleu a presentación da obra ‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’. Un acto celebrado na Casa da Cultura e que estivo encabezado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Nel tamén participaron Antonio López Mariño, xornalista e autor do libro; Pilar Farjas, presidenta da Asociación Isabel Zendal; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade e José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes.

‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’ é un amplo estudo histórico no que se contextualizan os documentos empregados na investigación que axudou a desvelar a realidade desta muller, filla predilecta de Ordes, “e figura esencial na historia da saúde pública” segundo palabras do presidente da Cámara galega. Santalices tamén descatou hoxe o traballo de López Mariño, a quen calificou como o responsable de poder outorgarlle un “ADN identitario a esta muller de especial relevancia e natural de Ordes”.

Na súa intervención López Mariño fixo unha explicación do seu proceso de investigación e do seu traballo de campo non só polos fondos documentais e arquivísticos, dos que agradeceu a súa apertura e gratuidade, senón tamén pola parroquia de Santa Mariña de Parada, lugar de nacemento de Isabel Zendal. Achegoulle a todo o auditorio a gran xesta de Zendal, catalogada como a primeira enfermeira en expedición internacional segundo a Organización Mundial da Saúde. Hai que lembrar que está considerada responsable directa na erradicación da praga da varíola ao longo de todo o mundo nada máis comezar o século XIX, debido á súa participación na expedición Balmis.

Pola súa banda Pilar Farjas resaltou a importancia deste libro “que recoñece quen é realmente Isabel Zendal, ademais de evidenciar o enorme esforzo, valentía xenerosidade e risco asumido polos primeiros promotores da vacinación pública”. Tampouco faltaron os agradecementos por pare de López Abella ao Parlamento de Galicia, editor do libro “por permitirnos descubrir a importancia e a débeda que ten a Humanidade con esta muller”.

Recoñecemento
O rexedor ordense calificou o acto de hoxe “como un recoñecemento ao labor do Goberno local por reivindicar e poñer en valor a figura de Isabel Zendal, sempre da man de Antonio López Mariño”. Destacou tamén “a importancia dos arquivos parroquiais e diocesanos, sempre fonte de sorpresas e a disposición de quen o precisa, imprescindibeis para esta investigación”. Neste aspecto foron funfamentais os datos descifrados dos libros parroquiais de Santa Mariña de Parada (Ordes). Aludiu tamén á honra que supón que unha muller tan humilde e nacida no noso municipio teña protagonizado unha xesta de semellante magnitude, e que da súa man se nos abran portas no mundo iberoamericano”, en clara alusión ao recente irmandamento de Ordes co municipo mexicano de Veracruz. Por último reafirmouse publicamente “no compromiso de divulgar e ensalzar o nome de Isabel Zendal” citando como exemplo ao futuro centro polivalente que se construirá en Ordes, o cal levará o seu nome .

Ampla lista de autoridades
A lista de asistentes á presentación de hoxe completouse con, entre outros e outras moitas Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Pedro Francisco Rojo, director do Gabinete de Presidencia do Parlamento de Galicia; Andrés Paz- Ares Rodríguez, director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade; José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; Jorge Atán Castro, subdelegado do Goberno na Coruña; representantes do sindicato de enfermería SATSE. Tamén acudiron outros membros da corporación local ordense, como Pablo Vidal, Manuel Iglesias, Leoncio Gómez ou Roberto González, ademais de concelleiros e concelleiras da comarca e membros de asociacións do lugar. Non faltaron tampouco alumnos e alumnas de cuarto curso da ESO do IES Maruxa Mallo.

‘Isabel Zendal nos arquivos de Galicia’ estará dispoñible en versión PDF para todas as persoas na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es) a partir do vindeiro venres, 9 de marzo. Os idiomas nos que se publicará serán galego, castelán e inglés, aínda que tamén se imprimirá en papel unha tirada en lingua galega.

Cámara aberta
O presidente do Paralamento de Galicia aproveitou a presenza dos estudantes ordenses para lembrar o seu programa de visitas ao Parlamento como e á Xunta de Galicia. Unha filosofía aperturista das institucións que Santalices traslada tanto á cidadanía como aos membros da Cámara que preside. Pide “non só a coñecer e visitar o Parlamento senón a opinar e facer suxestións a través dos nosos deputados e deputadas e da nosa web”. Miguel Santalices avoga polo contacto directo entre representantes e cidadáns a pé de rúa e puxo como exemplo desta cercanía “este acto que hoxe nos trouxo ata Ordes”