Xoves 20 de Setembro de 2018

Brinquedia celebrará en San Sadurniño o seu XII Encontro escolar de Xogos tradicionais


O evento terá lugar ao pé do paseo fluvial o día 12 de maio e nel daranse cita centros de ensino de toda Galicia
A leira do arboreto galego da Cortiña acollerá o sábado 12 de maio a duodécima edición do Encontro escolar de Xogos tradicionais que organiza desde 2005 a rede Brinquedia, unha entidade sen fins de lucro que centra a súa actividade na recuperación e promoción dos xogos e enredos de toda a vida. Na xornada de San Sadurniño reuniranse centros de ensino de toda Galicia para poñer en práctica unha trintena de xogos, pero tamén para participaren en obradoiros e exhibicións. Todo nun ambiente non competitivo e integrador do que, ademais da rapazada e o profesorado, tamén poderán formar parte as súas familias. O evento conta coa colaboración do Concello.

Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional concibe os encontros anuais como unha cita que culmina o traballo desenvolvido en cada colexio, onde esta asociación e o profesorado implicado tentan introducir os entretementos tradicionais como unha actividade curricular máis.

De feito, entre os obxectivos da entidade están o de contribuír á recuperación e difusión do patrimonio lúdico galego e, máis que nada, que as nenas e nenos manteñan viva unha maneira de brincar cargada de cultura e de sinais de identidade propios. Xeitos de pasalo ben, de relacionarse e de construír comunidade que nos últimos tempos se están vendo seriamente ameazados pola irrupción das canles temáticas e a masificación dos dispositivos dixitais de todo tipo: videoconsolas, táblets, móbiles, etc.

A xornada do sábado 12 de maio terá dúas partes, unha de mañá e outra de tarde cunha paréntese ao mediodía para un xantar campestre na propia leira da Cortiña. A mañá -de 11 a 14.00h. máis ou menos- está pensada para brincar de forma rotatoria nos xogos que haberá dispoñibles, practicamente todos grupais. Carreiras de sacos, carrilanas, as bólas, o tres en raia, a mariola, tiro de corda, a rá, o pano, o peón, o aro, a billarda… e así ata compoñer unha oferta de 30 entretementos que, a diferenza da tele, o móbil e as consolas, non precisan electricidade nin conexión á rede. Pola tarde, entre as 15.30 e as 17.30h., haberá exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chave, lanzamento de goxo e birlos celtas.

Todas as actividades estarán coordenadas por monitoras e monitores e complétanse con talleres de construción de enredos pensados principalmente para a xente miúda, aínda que neles tamén poderán aprender as mamás e os papás. Ademais, na cita tamén haberá un espazo expositivo para mercar xogos e libros especializados ou ver ao vivo o proceso de fabricación artesanal dunha grande variedade de aparellos sen moita complicación técnica, adaptados a calquera idade, sostibles e practicamente irrompibles.

O XII Encontro Escolar de xogos Tradicionais organizado por Brinquedia finalizará sobre as 18.00h. coa entrega de agasallos a cada participante. O colectivo de ámbito galego agarda que ese día se reúnan na Cortiña varios centos de nenos e nenas, ademais das familias, o profesorado e o persoal que colabora na organización. A iniciativa xurdiu en 2005 a raíz dunhas xornadas galego-portuguesas de xogos tradicionais celebradas na Capela un ano antes. Alí profesoras e profesores de varios centros galegos comprometéronse a introducir e potenciar nos colexios os entretementos de toda a vida e tamén a organizar un encontro anual que, desde aquela, xa se celebrou en Santiago, Culleredo, Pereiro de Aguiar, Silleda, Lugo, A Estrada, Xermade, Melgaço, Muimenta e Narón.

Para coñecer máis datos sobre as actividades de Brinquedia e seguir a actualidade sobre o encontro do día 12 de maio en San Sadurniño, pódese seguir o blog www.brinquedia.net ou contactar coa asociación a través de brinquedia@brinquedia.net.

Xogos tradicionais tamén nos xardíns municipais
O Concello de San Sadurniño colabora coa asociación no desenvolvemento do encontro de centros escolares e aproveita a ocasión para lembrar que nos xardíns municipais existe un recuncho para a práctica de xogos e deportes tradicionais. Nos últimos traballos de remodelación deste espazo botouse man do asesoramento de Brinquedia para reconverter a antiga pista de tenis da Marquesa nunha cancha multixogos dividida en varias áreas con liñas para o tres en raia, o brilé, as chapas e outras actividades.

Ademais, tamén se instalaron randeeiras, un bambán, deseñouse unha pasarela nunha árbore a xeito de fortín e construíronse dous recintos para xogar á chave ou á rá. Para estes dous últimos deportes tradicionais o Concello adquiriu o equipamento necesario -chaves, a rá, fichas e pellos- que poden solicitarse na Casa da Cultura.