Sábado 18 de Agosto de 2018

Contos para concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da auga e das árbores


O CONCELLO PROMOVE TAMEN UNHA PRANTACIÓN DE ÁRBORES EN SAN VALENTÍN A CARGO DO ALUMNADO DO CPI A XUNQUEIRA

 

A Concellería de Medio Ambiente de Fene anuncia a III edición do programa “Adeus ríos, adeus fontes”, ciclo de actividades dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria do concello para conmemorar o Día Forestal Mundial (21 de marzo) e o Día Mundial da Auga (22 de marzo).

Con esta iniciativa preténdese, por un lado, “pór de relevo o valor das árbores e dos bosques e estimular actitudes positivas cara elas”, e por outro, “xerar conciencia sobre a importancia da auga para a vida, para o ser humano e para o planeta, salientando a importancia de non malgastar a auga de forma innecesaria e de non contaminala”.

O programa consistirá en sesións de contacontos, a cargo de Atenea García (actriz e narradora, creadora da compañía Xarope Tulú) e Ignacio Vilariño (titiriteiro, creador da compañía Fantoches Boj e narrador cunha longuísima experiencia como contador de contos recollidos da tradición oral) que se repartirán polos diferentes centros de ensino que se adheriron ao programa. As sesións xirarán arredor da importancia da natureza, do respecto ao medio e a importancia da auga para a vida.

O calendario desta terceira edición de “Adeus ríos, adeus fontes” inclúe sesións de contacontos para o alumnado de Infantil e 1º de Primaria do CEIP Sillobre (19 de marzo ás 9.30 horas) e do Ceip Centieiras (19 de marzo ás 10.30 horas). Tamén escoitarán os contos de Atenea García e Ignacio Vilariño, os/as alumnos/as de 2º, 3º e 4º de Primaria do Ceip Centieiras (19 de marzo ás 11.15), os/as de Infantil do CPR Jorge Juan (19 de marzo ás 12.00 horas) e os/as de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria da Jorge Juan (19 de marzo ás 12.45 horas). As sesións de contacontos concluirán o día 20 de marzo no Ceip Os Casais, ás 9.45 horas (para o alumnado de Infantil e Primaria) e no Ceip O Ramo, ás 11.05 (para o alumnado de Infantil e Primaria).

Amais dos contacontos, a Concellería de Medio Ambiente de Fene anuncia para mércores 21 de marzo unha plantación de árbores polo barrio de San Valentín, a cargo do alumnado de 1º a 6º de Primaria do CPI A Xunqueira. Repartidos por cursos, ese día a partir das 11 da mañá, os rapaces/as de A Xunqueira serán os encargados de plantar 5 árbores de distintas especies (camelia, magnolia, pereira e liquidámbar) noutros tantos espazos públicos do barrio.

EFEMÉRIDES

O día 21 de marzo conmemórase o Día Forestal Mundial, unha data instaurada pola FAO en 1973 e que veu dar continuidade e universalidade á celebración do Día da Árbore, unha tradición, que, iniciada en Mondoñedo no século XVI, tíñase estendido por todo o mundo.

O día 22 de marzo, por decisión da ONU en 1993, conmemórase o Día Mundial da Auga, que neste ano 2010 refírese a calidade da auga, necesaria para a conservación de ecosistemas sans e para o benestar humano