Xoves 20 de Setembro de 2018

A Xunta apoia o labor da asociación Amicos, que cumpre 18 anos traballando na comarca do barbanza pola integración


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial e Atención Temperá que a asociación xestiona en Ribeira
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Centro de Educación Especial e Atención Temperá que a asociación Amicos xestiona en Ribeira, acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas. Amicos naceu no ano 2000, da man dun grupo de pais e nais movidos pola necesidade de crear un centro que atendese de forma profesional as necesidades dos seus fillos e fillas, con graves discapacidades intelectuais. En 2004 abriu as súas portas o centro de día da asociación, converténdose no único centro homologado pola Consellería de Política Social da Xunta na comarca do Barbanza.

No Centro de Educación Especial e Atención Temperá, fundado en 2008, estudan máis de 20 alumnos nun entorno pensado para que persoas de 3 e 21 anos poidan aproveitarse dun ensino deseñado para as súas necesidades. O Centro imparte ensinos oficiais e regrados mediante un proxecto educativo personalizado enfocado na participación e na estimulación das propias capacidades. Un dos obxectivos é que os nenos aprendan a desenvolverse por si mesmos e que deste xeito poidan integrarse nas súas contornas sociais en pé de igualdade cos outros rapaces. Consta dunha unidade de Atención de Autismo, unha de Atención Especializada e a unha unidade de Atención Temperá.

Ovidio Rodeiro interesouse tamén polo centro ocupacional, no que se realizan actividades formativo-ocupacionais para persoas con discapacidade intelectual que lles permitan loitar pola súa inserción socio-laboral. Neste centro a Consellería de Economía e Industria está a desenrolar na actualidade dous cursos do plan de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados (AFD), un deles da liña ordinaria e outro dentro do Fondo de Garantía Xuvenil. Ambos suman un investimento de algo mais de 85.000 euros.

En concreto, o curso de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais constaba de 448 horas, mentres que o de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que está a piques de comezar, está dirixido a menores de 30 anos e desenrolarase ate a vindeiro mes de xuño.

O delegado territorial informouse, así mesmo, sobre o centro de atención integral de Boiro, no que recentemente entraron en servizo 18 novas prazas para persoas con discapacidade que a Xunta concerta nestas instalacións, e que deste xeito ascenden a un total de 78, cun investimento de 1,2 millóns de euros. Os usuarios do centro reciben atención en función dun plan de actuación personalizado. Os servizos prestados abranguen o benestar físico a través da fisioterapia e rehabilitación e o benestar emocional a través do gabinete psicolóxico.

Ovidio Rodeiro destacou “o bo traballo que esta a facer esta entidade a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias”, que contan con asesoramento en eidos como o xurídico. O delegado reiterou “o compromiso da Xunta no apoio ás persoas con discapacidade, nunca diferentes, senón con distintas capacidades e das que recibimos constantemente leccións de vida”.

Neste sentido, engadiu as administracións e a sociedade en xeral deben abordar a discapacidade desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva. Rodeiro lembrou “o progresivo crecemento do orzamento no eido dos maiores e as persoas con discapacidade, que este 2018 conta con preto de 413 millóns de euros”.