Sábado 15 de Decembro de 2018

Abre o prazo de solicitude das axudas individuais a deportistas de Ordes


 

O BOP con data 12 de marzo publica as bases desta nova liña de axudas para as que o Concello destina 6.000 euros

O Concello de Ordes vén de darlle publicidade ás bases reguladoras para a concesión de bolsas a deportistas individuais. Así se pode comprobar no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, con data 12 de marzo de 2018. Deste xeito, e tras a aprobación por parte da Secretaría Xeral do Deporte para o outorgamento deste tipo de axudas, vese cumprido un dos compromisos adquiridos polo actual Goberno local en materia deportiva.

O obxectivo principal desta nova liña de axudas, é o de fomentar a práctica deportiva e a súa participación nas competicións oficiais por parte de todoa e todas as deportistas do municipio. Para isto destínase unha dotación económica total de 6.000 €, o dobre do establecido inicialmente xa que nesta ocasión se suma a partida orzamentaria para tal fin reservada para o ano 2017. Estas bolsas serán compatibles con outras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade.

Entre os requisitos a cumprir polas persoas solicitantes figuran o de posuír a nacionalidade española e 12 anos ou máis cumpridos na data do último día do prazo de presentación; estar empadroado en Ordes na data de aprobación destas bases e telo estado con anterioridade polo
menos de dous anos; dispoñer de licencia federativa en vigor; ter participado en calquera competición ou proba oficial de nivel provincial ou superior, así como noutras convocatorias das seleccións galega ou española da especialidade durante o ano 2017; non ser beneficiario de Bolsa ADO no ano 2017 e 2018; ademais de non estar incurso en causa de exclusión ou prohibición do artigo 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, e artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia.

Solicitudes
As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se achega ao final das bases publicadas no BOP (http://bit.ly/2Dk4BVz). Tamén se poderán conseguir no Departamento de Deportes do Concello, situado no primeiro andar, ou ben a través da páxina web www.ordes.gal.

O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles dende a publicación das presentes bases no Boletin Oficial da Provincia da Coruña, no rexistro xeral do Concello de Ordes ou en calquera das formas dispostas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPA). Deberán ir acompañadas da seguinte documentación compulsada: DNI do solicitante, certificado de empadroamento, licenza federativa en vigor, certificación da Federación Deportiva correspondente ou documento de organismo oficial que acredite a participación nos campionatos ou probas oficiais de ámbito provincial ou superior e convocatorias cas seleccións galega ou española durante o ano 2017, declaración responsable de non ser beneficiario de Bolsa ADO no ano 2017 e 2018 e non estar incurso en causa de exclusión ou prohibición do artigo 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, e artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia.