Luns 24 de Setembro de 2018

O Concello de San Sadurniño recibe 82 ofertas para os tres contratos de obra que está licitando


O contrato que máis interese espertou é o da construción dunha senda peonil en Igrexafeita, para o que se presentaron 34 propostas

A administración local ten en marcha os procesos de contratación de tres grandes proxectos relacionados coa rede viaria e a mellora da seguridade de tráfico e viandantes. Trátase da primeira fase da reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, a construción dunha senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita, e a reparación de dous camiños, un en Silvalonga e outro en Ferreira. Obras que en conxunto suman algo máis de 159.000 euros e que o Concello adxudicará proximamente. Iso si, a mesa de contratación e o persoal técnico encargado de avaliar cada oferta van ter traballo abondo, xa que para estas tres licitacións públicas recibíronse un total de 82 propostas.

O proxecto de maior contía é o referido á reurbanización de Marqués de Figueroa. A el destínanse 66.654€ cos que se sustituirán as beirarrúas e as canalizacións soterradas en ámbalas marxes desde o cruzamento coa AC-862 até o colexio público. O prazo máximo de execución fixouse en 3 meses. Trátase da primeira fase de transformación do principal eixo da zona urbana de San Sadurniño, onde se prevé continuar a substitución das beirarrúas ata a capela do Belén e aglomerar toda a estrada a través dun contrato que se sacará a concurso máis adiante.

Para este contrato presentáronse 31 proposicións económicas que van desde o prezo tipo -os 66.654€- da máis elevada aos 43.711,90€ da máis barata. De feito, existen tres ofertas que se moven preto dos 45.000 euros e que agora deberán xustificar os prezos presentados para non incorreren en baixa temeraria. É dicir, que as empresas xustifiquen a súa capacidade para facer o traballo polo prezo que din, con solvencia técnica e dentro dos prazos.

Outro paquete de obras que espertou grande interese por parte das empresas do sector é o de reparación de 480 m dunha pista situada en Silvalonga e outra de algo máis de 1,5 quilómetros entre os Pontigos e A Fraga, en Ferreira. Neste caso os traballos consistirán na limpeza das cunetas e na eliminación dos baches para, finalmente, volver pavimentar as pistas. O importe das obras está cifrado en 47.941 € e o prazo máximo de execución en dous meses. Neste caso o Concello recibiu 17 ofertas con prezos entre os 46.726,87€ e os 30.794,50€. Tamén neste caso se instou a dúas empresas para que xustificasen a súa non entrada en baixa temeraria.

A licitación que máis propostas recibiu -34 en total- foi a do proxecto de construción dunha senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita, ao longo da marxe esquerda da AC-861 en sentido Ferrol-As Pontes. A infraestrutura, solicitada na asemblea do orzamento participativo, estenderase case 300 metros, desde a explanada do bar Casa Casal até o aparcadoiro do bar Xaida, salvando en todo o traxecto unha fonda cuneta que nestes momentos obriga a transitar preto da calzada. O contrato publicouse cun prezo de saída de 44.487 euros e un prazo de execución máximo de dous meses. As contías ofertadas polas 34 firmas andan entre os 42.713€ da máis alta e os 27.975,20€ da máis barata. A rebaixa tan acusada do prezo reflectido no proxecto tamén levou ao órgano de contratación a solicitarlles a seis empresas a correspondente xustificación.

Toda a información sobre este e outros procesos de contratación pública pode seguirse a través do Perfil de Contratante do Concello. Os importes de adxudicación definitivos serán sufragados na súa maioría con fondos provinciais.