Luns 18 de Xuño de 2018

O Concello de Moeche dedica unha nova axuda da AGADER ao amaño de cinco pistas municipais


Hai uns días informabamos de que o Concello acababa de iniciar os traballos de reparación da pista entre Labacengos e Loira cunha axuda do Plan de Mellora de Camiños municipais da AGADER. Pois ben, este programa bianual financiado con fondos europeos vaise reeditar no período 2018-2019 e cunha achega idéntica no caso de Moeche -43.256€- que a área de Obras vai destinar ao amaño de cinco pistas repartidas por outros tantos puntos do territorio. Estas actuacións servirán para rebachear e asfaltar de novo case tres quilómetros da rede viaria municipal. O investimento total é de 52.339 euros co ive incluído, que será asumido polo Concello.

O proxecto técnico sinala que en todos os casos se vai facer unha limpeza da superficie e tamén das cunetas para, deseguido, tapar as fochancas existentes e botar unha nova capa de rodadura con asfalto. Segundo comenta a alcaldesa, Beatriz Bascoy, “son tramos que andan entre os 400 e os 700 metros e que soportan tránsito lixeiro, polo que a recomendación técnica é facer un asfaltado convencional. O proxecto está deseñado para repoñer o firme procurando que quede uniforme e que garanta unha boa drenaxe, posto que a auga apozada nas irregularidades do asfalto e a que se filtra das cunetas cando non están limpas son factores que diminúen a durabilidade de calquera pista”.

Na programación das obras acollidas ao plan da AGADER séguese a práctica que está sendo habitual no Concello de concentrar pequenas actuacións en ámbitos xeográficos relativamente próximos, de maneira que se axilizan os traballos e se reducen os custes asociados ao traslado de maquinaria e o acopio de materiais. “Buscamos manter o equilibrio entre a resposta ás necesidades máis urxentes, as posibilidades económicas e a atención ás demandas veciñais. Por iso desde 2015 estamos indo por zonas, parroquia por parroquia, para que dun ano para outro se manteña o equidade territorial dos investimentos”.

Neste sentido, en Labacengos amañaranse 450 m. da pista de Entrambasrrías, o camiño de San Xiao de Arriba -650 m.- e o que vai desde Abelleira a Amosa, en Santa Cruz, que abrangue 770 m. de distancia. Nesta última parroquia tamén se reparará o camiño do Vilar á Ermida -565 m.- e, xa en San Xurxo, tamén se arranxará ao camiño da Ferraría de Abaixo, duns 515 m. de lonxitude.

Os aspectos técnicos e económicos destas obras están definidos desde hai tempo. Porén, antes de iniciar o proceso de contratación é necesario que persoal técnico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural certifique o estado previo das pistas. Segundo o goberno local a axencia dependente da Xunta visitará esta mesma semana os lugares incluídos no proxecto e, unha vez emitido o informe correspondente, poderán licitarse uns traballos que se queren levar adiante a principios ou mediados do verán.