Martes 27 de Outubro de 2020

A Mancomunidade de Ordes inicia o ciclo de charlas de competencias clave e habilidades sociais


As sesións impártense en Ordes cada martes en horario de mañá. Sucederanse ata a véspera do exame, que terá lugar en Silleda o vindeiro 12 de maio

Máis de 30 persoas participan no ciclo de charlas de apoio de cara á obtención das competencias clave e habilidades sociais para o nivel II de cualificación profesional, levadas a cabo pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. As sesións véñense dando cada martes en horario de mañá nos baixos da alameda de Ordes.

Ata o 11 de maio persoal do CIM, do Servizo de Prevención de Drogodependencias e do Servizo de Normalización Lingüística impartirán as clases. O obxectivo máis inmediato é o de facilitar o asesoramento e ofrecer información e apoio para aquelas persoas que estean interesadas en ir ás próximas probas avaliativas que terán lugar en Silleda o 12 de maio. No caso de Galicia esíxense as competencias en lingua castelá, lingua galega, linguas estranxeiras e matemáticas. O prazo de presentación de solicitudes para poder presentarse ao exame permanecerá aberto ata o 23 de marzo.

Ademais da Mancomunidade de Ordes nesta iniciativa participan a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Fondo Social Europeo.