Venres 23 de Febreiro de 2018

O tráfico de mercadorías nos peiraos autonómicos subiu un 3,6% interanual ata o mes de outubro


Os peiraos de Ribadeo, Cee e Cariño lideran a clasificación de carga e descarga de mercadorías

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 3,6% nos primeiros dez meses deste ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de outubro, o movemento de mercadorías acumulado situouse en 1.754.534 toneladas, fronte a 1.693.292 do pasado ano.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Ribadeo, con 475.001 toneladas acumuladas nos dez primeiros meses de ano; Cee, con 433.431 toneladas; e Cariño, con 388.991 toneladas. Destacan ademais os incrementos porcentuais da actividade en Ribeira e Cee con subidas interanuais do 16 e o 30% respectivamente.

En canto ás mercadorías principais cargadas e descargadas nestes peiraos, no de Ribadeo destaca a pasta de papel, mentres que en Cee a predominante é o mineral de manganeso, e en Cariño o mineral de dunita.

Finalmente, o informe de xestión do mes de setembro, no seu rexistro acumulado recolle tamén unha forte subida da descarga de pesca fresca, que se situou en 88.004 toneladas, un 17% máis que no mesmo período do ano anterior. Os peiraos con maior actividade neste sentido foron os de Ribeira, con 26.605 toneladas, un 6% máis que en 2013; Burela, con 21.845, un 31% máis; e Celeiro, con 15.246 toneladas, un 27% máis que o pasado ano.