Domingo 07 de Marzo de 2021

O Concello de Noia inicia a demolición do antigo inmoble do Museo do Mar


O alcalde, Santiago Freire, indica que “imos investir 665.000 euros no novo edificio, en cuxa construción contaremos cun seguimento arqueolóxico para recuperar e poñer en valor a muralla medieval”

O Concello de Noia vén de iniciar as obras de demolición do antigo inmoble do Museo do Mar, previas á construción do novo edificio. As obras de remodelación, definición estrutural e ampliación do Museo do Mar de Noia, que dispoñen dun orzamento de 665.000 euros, contarán “cun control e seguimento arqueolóxico para recuperar e poñer en valor a muralla medieval”, explica Santiago Freire, alcalde de Noia.

Freire fai fincapé na necesidade de que a actuación que se faga “permita a integración dos restos da muralla medieval do casco histórico de Noia dentro dos espazos expositivos do novo museo, de xeito que sexa un espazo aberto ao público e poida ser observada tanto dende o interior coma dende o exterior do edificio”. Por iso, o alcalde noiés insiste en que “contamos coa autorización de Patrimonio e todo o que aló se vai facer será baixo a premisa do máximo respecto aos restos arqueolóxicos atopados”.

As obras de remodelación, definición estrutural e ampliación do Museo do Mar de Noia contan cun orzamento de 665.000 euros, que serán financiados polo Concello noiés a través do Plan Único (POS+ 2017). A aparición dos restos arqueolóxicos motivará que os fondos do Museo do Mar se concentren nas plantas superiores do inmoble, mentres que no baixo distribuirase como un espazo aberto para o visitante que suporá un atractivo engadido para o visitante do museo.