Martes 20 de Novembro de 2018

O delegado territorial da Xunta e o alcalde de Boqueixón reclaman solucións para a problemática de circulación no cruce de Lestedo


A deputada Marta González visitou a zona e comprometeuse a mediar ante o Ministerio de Fomento para a inclusión da construción dunha glorieta nos orzamentos do próximo exercicio

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitaron, xunto coa deputada, Marta González Vázquez, o cruce de Lestedo na N-525. O motivo foi amosarlle in situ á representante do Congreso pola Coruña a problemática existente nesta zona dende que se mudou a sinalización o pasado 19 de febreiro e que impide o acceso á estrada que vai ao Pico Sacro.

“Foron numerosas as queixas dos veciños que agora se ven obrigados a realizar un cambio de sentido medio quilómetro máis adiante, cando antes podían acceder directamente”, explica Manuel Fernández Munín. Neste senso, tanto o rexedor coma o delegado territorial da Xunta por A Coruña instaron á deputada Marta González a buscar vías de solución a esta problemática. “Unha das posibles solucións sería construír unha rotonda neste cruce, de xeito que os vehículos tivesen acceso á estrada do Pico Sacro”, indica o rexedor.

Pola súa banda, a deputada no Congreso pola provincia de A Coruña comprometeuse a mediar ante o Ministerio de Fomento para incluír nos orzamentos do próximo exercicio o proxecto de construción dunha glorieta neste punto que solucione os problemas de acceso. Tanto Ovidio Rodeiro como Manuel Fernández agradeceron a boa disposición de Marta González para dar cumprimento ás demandas dos numerosos veciños que utilizan este cruce a diario.

Con anterioridade, este cruce daba acceso tanto á estrada provincial que vai ao veciño concello de Vedra (á dereita en sentido Ourense) e, doutro lado, á que vai ao Pico Sacro. Tras a modificación da sinalización horizontal do pasado 19 de febreiro, impídese o xiro á esquerda, polo que os condutores que queren acceder a estrada do Pico Sacro, que tamén dá acceso a outras instalacións coma o campo de fútbol de Lestedo, vense obrigados a continuar durante medio quilómetro para poder realizar un cambio de sentido.