Mércores 16 de Outubro de 2019

O programa ‘Soy emprended@r’ chegará a Ordes en abril


Trátase dunha iniciativa laboral gratuíta dirixida a persoas desempregadas menores de 30 anos. O prazo de inscrición remata o día 4 do vindeiro mes

O programa ‘Soy emprended@r’ desenvolverase na comarca de Ordes ao longo do mes de abril. De carácter gratuíto, está dirixido á poboación xuvenil desempregada menor de 30 anos que non estea cursando estudos regrados e inscrita no Sistema de Garantía Xuvenil. O seu principal obxectivo é o de mellorar a súa empregabilidade. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente para acudir á presentación que terá lugar o venres 6 de abril ás 10 horas no Museo do Traxe Juanjo Liñares. Poderán facelo a través da páxina www.soyemprendedorgalicia.es, ou ben presencialmente no mesmo Concello de Ordes.

A iniciativa, que xa vai pola segunda edición, baséase nun programa teórico e práctico que engloba diversas accións. Estas inclúen formación grupal de 50 horas nas que se desenvolverán competencias clave dirixidas á posta en marcha de novos negocios, titorías individuais e acompañamento por parte de persoas expertas de diversas materias. Corre a cargo da Rede Española de Entidades polo Emprego, Rede Araña e a Fundación INCYDE en colaboración co Concello de Ordes. Ademais conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do marco da convocatoria Itinerarios de emprendemento xuvenil de Galicia.

Para solicitar máis información pódese chamar aos teléfonos 988 391515 ou 665 761 939. Tamén se pode facer uso do correo electrónico soyemprendedor@empleoenred.org, ou ben visitar a páxina www.soyemprendedorgalicia.es.