Sábado 20 de Outubro de 2018

A Deputación destina 300.000 euros ao desenvolvemento de políticas de Igualdade e loita contra a violencia de xénero


As entidades sen fins de lucro poderán acceder a unhas axudas de até 40.000 euros.

A área de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, que dirixe a deputada Ánxela Franco, vén de aprobar unha nova liña de axudas para entidades sen fins de lucro co ánimo de promover o desenvolvemento de programas de Igualdade entre homes e mulleres e impulsar a loita contra a violencia de xénero durante o 2018.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dunha convocatoria que ten por obxecto promover programas e accións que incidan na Igualdade de xénero e afondar na erradicación da violencia machista.

A responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade, Ánxela Franco, subliñou que “con estas axudas a Deputación pretende contribuír dun xeito directo e eficaz na loita contra violencia machista” e tamén “apoiar o necesario avance cara unha Igualdade real e efectiva entre mulleres e mulleres”.

A nova liña de subvencións da Deputación da Coruña está dotada cun orzamento de 300.000 euros, aos que entidades sen fins de lucro da provincia poderán concorrer de acordo as dúas modalidades que presenta a convocatoria.

Por un lado, a destinada ao desenvolvemento de Programas de Promoción da Igualdade, como poden ser accións de empoderamento e participación social, programas de mellora da empregabilidade, actividades de fomento da Igualdade de xénero ou proxectos que incidan no eido da conciliación familiar e a responsabilidade compartida.

Por outra banda, as entidades sen fins de lucro tamén poderán acceder a unhas axudas de entre 1.000 e 40.000 euros, para implementar iniciativas que promovan a loita contra a violencia de xénero, como poden ser programas de prevención, sensibilización e identificación da violencia machista ou o tratamento integral das persoas vítimas da violencia de xénero.

A nova convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña ratifica unha vez máis o compromiso do organismo provincial por acadar unha sociedade máis equitativa e xusta, onde a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa efectiva, e na que a violencia de xénero fique erradicada.