Venres 17 de Agosto de 2018

Os 15 alumnos menores de 30 anos do obradoiro de emprego de Fene formáronse na fabricación e montaxe de tubaxe industrial


Esta iniciativa contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de algo máis de 140.000 euros
Un total de 15 alumnos e alumnas menores de 30 anos formáronse nos últimos seis meses en Fene como técnicos de fabricación e montaxe de tubaxe industrial, grazas a un obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil que percibiu unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de algo máis de 140.000 euros. Ademais de Fene, tamén colaboraron neste iniciativa os municipios de Ares, Neda, Mugardos e Cabanas.

Os participantes recibiron hoxe os certificados de profesionalidade, con validez en todo o Estado, de mans do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro e dos alcaldes destes concellos.

Este obradoiro, como todos os das súas características, centrouse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

En concreto, os alumnos-traballadores executaron no municipio de Fene a elaboración e instalación de varandas no acceso a San Valentín pola rúa Machuco. Ademais, en Ares tamén elaboraron, instalaron e repararon pasamáns e varandas en diversos lugares do municipio.

A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.

Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil realizáronse en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que foi o encargado de poñer punto e final a este obradoiro, destacou que “a formación nestes obradoiros debe ser un aval para que os nosos mozos e mozas poidan acceder ao mercado de traballo con garantías, mais tamén son clave para conseguir os empregados de calidade que precisa o tecido empresarial de cada comarca”. Ademais, remarcoulle ao alumnado que “a participación neste tipo de iniciativas axúdavos a adquirir confianza e unha posición activa e comprometida, xa que a motivación e a actitude son valores determinantes na busca de emprego”.