Mércores 20 de Xuño de 2018

A Xunta incrementa a seguridade viaria da estrada AC-840, ao seu paso por Boimorto, mediante un investimento de casi 60.000 euros


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou os traballos acometidos pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda durante a primeira metade deste mes
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras que se están a levar a cabo na estrada AC-840 ao seu paso polo concello de Boimorto. Na visita tamén participou al alcaldesa, María Jesús Novo. Trátase dunha actuación de mellora da seguridade viaria na que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda inviste preto de 60.000 euros.

A intervención consiste na derruba dunha antiga casa de legoeiros en ruínas e na ampliación da plataforma na intersección para habilitar un cambio de sentido. A estrada AC-840 comunica Betanzos co límite da provincia na Golada, e o punto de actuación está emprazado no quilómetro 37,5 da devandita vía. Está previsto que os traballos queden rematados a mediados deste mes.

Ovidio Rodeiro indicou que “a seguridade é unha prioridade para a Xunta”, que segue a traballar no Plan de seguridade viaria 2016-2020 “como folla de ruta co obxectivo prioritario de que as actuacións concretas que contempla se desenvolva da man e en colaboración con todos os axentes implicados na seguridade viaria da comunidade.”

O delegado territorial incidiu en que “as administracións públicas deben liderar esta loita e poñer os medios necesarios para tratar de evitar os accidentes de tráfico, cada quen, Xunta, Concellos, Deputacións e Estado, no ámbito das súas competencias directas”.

O Goberno galego está destinando gran cantidade de recursos ao desenvolvemento de actuacións destinadas a reforzar a seguridade viaria e a mellorar a conservación das estradas autonómicas. “Por iso, en 2018 se incrementan un 48% os orzamentos destinados a este fin, dedicando máis de 80 millón de euros a medidas que inciden directamente na seguridade viaria”, rematou Rodeiro.