Venres 17 de Agosto de 2018

O Concello de Fene renova o tatami do ximnasio da Casa da Cultura


A Concellaría de Cultura e Deportes de Fene acaba de reparar por completo o tatami do ximnasio municipal situado nos baixos da Casa da Cultura, cun investimento lixeiramente superior aos 5.000 euros. A obra consistiu na sustitución do chan acolchado por outro novo de material sintético que asegure maior durabilidade e, ao mesmo tempo, máis comodidade na práctica deportiva. No recinto, que levaba case 30 anos sen unha actuación en profundidade, desenvolven a súa actividade as escolas municipais de Judo e Karate, ademais de ser local de adestramento para outros clubes.

Da preparación previa das instalacións encargouse a brigada municipal de Obras. O seu traballo consistiu en deixar á vista o chan de parqué onde, ao pouco de inaugurarse o ximnasio, se colocaron colchonetas que amortecesen os impactos. As razóns desta solución explicábaas esta mañá un dos operarios municipais:”o chan de madeira era moi duro para as caídas e por iso se puxeron colchonetas, que se movían constantemente. Entón decidiuse cubrir a superficie cunha lona, pero pouco a pouco, co paso do tempo e o uso, esta base foise deteriorando. E así botou alomenos 30 anos”.

Así, unha vez posto á vista o chan, o departamento de Obras e Servizos limpouno e secouno ben para que logo se puidese montar un novo tatami con materiais máis resistentes e un nivel uniforme nos seus arredor de 120 metros cadrados de superficie.

Na base estendéronse pranchas de poliestireno extruído e, sobre delas, outras 61 de goma EVA que encaixan coma un quebracabezas e que se manteñen no sitio polo seu propio peso. No interior dispuxéronse dous recadros de adestramento e combate en cor amarela rodeados dunha banda azul correspondente á zona de seguridade.

Na instalación deste novo equipamento investíronse algo máis de 5.000 euros. Porén esta non será a única actuación que se levará a cabo no ximnasio municipal da Casa da Cultura, xa que o Concello ten previsto cambiar en breve o portalón de acceso ás instalacións, utilizadas tamén como sede polo Club BTT Fene. Para iso suscribiuse hai escasos días un convenio co IES de Fene de cara a que sexa o alumnado do ciclo de soldadura quen deseñe, constrúa e coloque o portal xunto cunha pequena porta que facilite a entrada e saída das instalacións.