Martes 11 de Decembro de 2018

Un milleiro de persoas participan na novena Xuntanza dos Maiores de Riveira


Un ano máis, o pavillón da Fieiteira deu cabida á novena edición da Xuntanza dos Maiores de Riveira: unha iniciativa promovida dende o Concello que de novo completou o aforo do recinto polideportivo, ata completar as mil persoas participantes.

O acto estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e contou coa presenza do senador José Luis Torres, da secretaria autonómica de Política Social, Coro Piñeiro; dos rexedores da Pobra e Porto do Son, Isaac Maceiras e Luis Oujo; do capitán marítimo de Vilagarcía, Manuel Martínez; os deputados galegos Santiago Freire e Herminia Pouso, a filla adoptiva Magdalena Bringas, o ex alcalde Ricardo Pérez Queiruga e outros persoeiros. Tamén estiveron, como non, os presidentes dos clubs de xubilados de Aguiño e Palmeira, Manuel Pérez e Andrés Rego (as súas colegas de Riveira e Corrubedo non puideron acudir por cuestións persoais) e a presidenta do Centro Social Santa Uxía, Gloria Lijó.

Previamente ao evento da Fieiteira, tivera lugar unha misa solemne na Igrexa de Santa Uxía, cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira baixo a dirección de Enrique Paisal.

Antes do xantar, tanto a concelleira de Servizos Sociais, Maricarmen Vizcaya, como Coro Piñeiro e Manuel Ruiz tiveron oportunidade de dirixirse aos maiores congregados. Vizcaya agradeceu a asistencia de todos os presentes e celebrou que se organizase esta festa como xubilada que é; en tanto que Coro Piñeiro expresou o orgullo do Goberno da Xunta por que Galicia teña unha poboación abundante e activa.

Pola súa parte, Ruiz Rivas salientou o papel que teñen realizado os maiores polo seu pobo, xa non só no pasado, senón tamén no presente axudando ás súas familias nesta época de crise.

O evento proseguiu cun ameno xantar que aínda se animou máis a partir das 17 horas con música en directo, o que propiciu que moitos desen renda solta ás súas gañas de baile.