Mércores 17 de Outubro de 2018

“As mulleres”, de Yolanda Vizoso, amosaránse a partir do vindeiro luns en Fene


As cores inundarán a sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene nas vindeiras semanas cunha exposición de pintura da artista fenesa Yolanda Vizoso. A mostra abrirá ao público o vindeiro luns, 9 de abril, e poderá visitarse até o vindeiro día 30. Horario de visitas: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. Entrada libre.

Yolanda Vizoso comezou a pintar no ano 1999, inspirándose inicialmente no artista Paco Lamela co que aprendeu a dar os seus primeiros trazos de debuxo. Aínda que nos seus primeiros cadros empregaba a técnica do pastel, posteriormente decantouse pola pintura ao óleo que prefire “para acadar texturas dramáticas e bordes afilados”.

A exposición “As mulleres” sitúa a muller como tema central. Segundo a artista, nesta mostra “manteño esperto o senso da maravilla do mundo da muller. Unha muller poética, sentimental, na que ensalzo máis a beleza estética que a técnica pictórica; xa non busco a perfección técnica porque a natureza da muller é belamente imperfecta e, na imperfección, nacen cousas diferente, cousas elevadas”.

Nesta mostra “céntrome máis en crear que en pintar…en crear cousas novas a partir da paixón e do fallo, transmitindo alma e movemento. Non renovei temas senón que me renovei a min mesma con novas ideas. Empreguei cores vivas e ledas, creando un forte impacto emocional. Foi unha forma de expresar felicidade, creando unha atomósfera máxica e deslumbrante…a expresión mesma da muller, e tamén un contraste simultáneo de ledicia con melancolía que se ven reflexados en cadros surrealistas que amosan que a cor a podo convertir en forza creadora e nesa dicotomía de luces e sombras tan presentes na vida real”.