Mércores 17 de Outubro de 2018

O Concello de Fene destina algo máis de 15.000 euros a un completo programa de rebacheos polo territorio


13 puntos da rede viaria municipal forman parte do proxecto de reparacións emprendido esta semana polo Concello co obxectivo de sanear pequenos tramos onde o desgaste do firme é máis evidente. Na súa maioría trátase de accesos a edificios públicos, costas peadas, confluencias entre pistas e lugares onde existen problemas de drenaxe do chan. Desde a área de Obras agárdase que nos próximos días -tan pronto como haxa varias xornadas enxoitas- queden listos uns traballos dos que se encarga a empresa local SRM S.L. por un importe de 15.300 euros sufragados con fondos municipais.

Os labores consistirán nun rebacheo dos emprazamentos máis críticos en rúas e pistas que, polo de agora, presentan un bo estado xeral. Esa é a razón de que, se ben serán só trece actuacións puntuais, o seu alcance chegue a eixos viarios repartidos por boa parte do territorio municipal.

No listado de reparacións encóntrase o amaño do acceso ás escaleiras traseiras da Casa da Cultura, do camiño da Fonte do Campo e da entrada á nave de San Paio, en Fene. O saneamento de fochancas tamén chegará a unha parte do camiño do Piqueiro e da Corredoira, en Maniños. Tamén se taparán baches no camiño do Castelo -Limodre-, na Costa dos Regueiros, no camiño do Picoto, no camiño de Arriba e no da Visura, en Sillobre, Por último tamén se recolle repasar a estrada de acceso a Vilar do Colo desde Limodre -que xa conta cun proxecto propio para o amaño do cruzamento coa DP-3051- xunto con outras intervencións na rede viaria municipal.

O proxecto ten como finalidade facer traballos de mantemento que veñen complementar proxectos de maior envergadura acollidos a programas como o POS+ provincial. Neste caso o finanzamento é totalmente municipal e as actuacións -que comezaron xa coa sinalización dalgúns tramos- executaranse tan pronto como haxa certa garantía de bo tempo durante varios días consecutivos.