Sábado 15 de Decembro de 2018

Gumersindo Galego volve á alcaldía de Fene tras prosperar a moción de censura promovida polo PP e Somos Fene


O Concello de Fene celebrou  o pleno extraordinario no que, desta vez si, se debateu a moción de censura impulsada no mes de outubro polo Partido Popular e Somos Fene. Dábaselle así curso á sentenza da xuíza do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol, quen deixou sen efecto a suspensión da anterior sesión por parte da Mesa de Idade -presidida pola nacionalista Mariela Aguilar-, ao tempo que lle restituiu aos integrantes de Somos Fene a súa condición de grupo municipal. O pleno celebrouse nun salón ateigado de público e nun ambiente de certa tranquilidade malia algúns apupos dirixidos principalmente aos grupos que ata esta mesma mañá conformaban a oposición. Finalmente a moción votouse e Gumersindo Galego recuncou na alcaldía de Fene co apoio do seu propio partido e dos dous edís de Somos Fene, mentres que BNG e Esquerda Unida se pronunciaron en contra. Os tres representantes do PSdeG-PSOE optaron pola abstención.

Pasaban escasos cinco minutos das 12.00h. cando se iniciou unha sesión que debía continuar o debate da moción rexistrada o pasado 11 de outubro polos sete concelleiros do PP e os dous de Somos Fene propoñendo a Gumersindo Galego como alcalde alternativo a Juventino Trigo, quen gobernaba en minoría desde 2016 encabezando un bipartito conformado por catro edís do BNG e unha de Esquerda Unida.

O pleno arrancou coa intervención de Mariela Aguilar -de novo presidenta da Mesa de Idade- preguntándolles aos grupos promotores da moción se estimaban oportuno volver ler o seu contido. PP e Somos Fene consideraron que a lectura do texto non era necesaria e, deseguido, tomou a palabra a secretaria municipal para relatar os antecedentes de todo o proceso desde o pasado mes de agosto, cando se deu conta no pleno municipal do paso a non adscritos dos concelleiros Xoán Manuel Rodríguez Bastida e César Daniel Castro García tras serlles revogada a representatividade do PDDG, partido polo que concorreran ás municipais de 2015. Unha circunstancia -avalada nun informe da propia secretaria- que lles impediría presentar a moción en aplicación da normativa antitransfuguismo.

Foi o Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Ferrol quen resolveu recentemente recoñecerlles a Castro e a Bastida a súa condición de integrantes de grupo propio -Somos Fene- e tamén quen ordenou mediante un auto que se retomase a sesión levantada o 26 de outubro. A propia secretaria municipal lembrou que, aínda non habendo sentenzas firmes sobre a cuestión e malia non compartir os argumentos xurídicos do Contencioso, si era obrigatorio cumprir o mandato da xuíza de proseguir co pleno.

Neste sentido a Mesa de Idade conformada por Mariela Aguilar e Rocío Bértoa como concelleiras de maior e menor idade da corporación, respectivamente, decidiu seguir adiante, aínda que con pronunciamentos distintos das súas compoñentes. Así, Bértoa volveu incidir en que non existían razóns que impedisen o debate da moción, mentres que Aguilar asegurou que, ao seu entender, si había motivos para non continuar coa súa tramitación. Con todo, a concelleira nacionalista votou a favor de seguir adiante “por imperativo xudicial”.

Superado o punto onde o pleno de moción de censura quedara suspendido a vez pasada, chegaron as intervencións do aspirante á alcaldía, Gumersindo Galego, e do alcalde censurado, Juventino Trigo.

O candidato e voceiro popular xustificou a moción lembrando que o seu partido recibiu o apoio maioritario do electorado fenés en 2015 e engadindo que Trigo non estaba lexitimado para o goberno desde o momento en que expulsou a PSOE e Somos Fene do tripartito formado tralos comicios municipais. Galego defendeu o dereito do PP a “pactar con outras formacións” para formar “unha nova maioría” e acusou ao executivo de Trigo de non ser capaz de sacar adiante nos últimos dous anos “asuntos que necesitan unha pronta solución” como os orzamentos ou a adaptación do PXOM á nova Lei do Solo, responsabilizándoo ademais da perda de subvencións e “xudicialización” da vida municipal.

Na súa resposta, Juventino Trigo comezou cun agradecemento ao resto de membros do seu executivo e tamén ao persoal municipal polo traballo desenvolvido desde 2015. Posteriormente centrou a súa quenda de palabra nas críticas á oposición por “entorpecer e paralizar” o labor do goberno en minoría que el encabezou até hoxe. Tamén lle volveu a Galego a acusación de “xudicializar” a política fenesa e cualificou a moción como “noxenta”, por considerar que nela confúen factores como “a compra de vontades, a traición á veciñanza e corrupción lexitimada por un auto xudicial que supón unha volta atrás”.

O ata daquela alcalde despediuse defendendo que o executivo deixa unha institución “saneada, eficaz e que paga puntualmente aos provedores” e con “centos de miles de euros” comprometidos para proxectos xa en marcha ou a piques de iniciarse. “Foi un pracer e un orgullo de ser o alcalde do meu pobo”, rematou Trigo.

A orde do día do pleno adentrouse despois desta primeira rolda de intervencións na quenda dos grupos políticos. Gumersindo Galego non usou o turno que lle correspondía e a vez pasou ao voceiro socialista, Antón Noceda, quen adiantou a abstención do PSOE sustentada en que os seus tres votos “non condicionan o resultado nin nun sentido nin no outro”. A este respecto, Noceda puntualizou que o seu grupo non apoiaría un goberno encabezado polo PP, pero tampouco a permanencia de Trigo no cargo. O portavoz socialista enumerou neste sentido as “deslealdades” do BNG desde 2007 responsabilizándoo de atrancar “a reconciliación da esquerda” e acusándoo de “incapacidade” xestora.

Durante a sesión, que se caracterizou por un clima máis ben tranquilo, houbo varias interrupcións por parte do público e tamén chamadas á orde por parte da presidenta da Mesa de Idade. Os apupos máis fortes deixáronse sentir na quenda de palabra de Somos Fene. Xoán Manuel Rodríguez Bastida explicou entre constantes cortes os motivos de apoiar a moción de censura superando “dilemas ideolóxicos”, sustituídos neste caso “polo interese da cidadanía de Fene”.

Bastida criticou con dureza ao BNG acusándoo de “usurpar o goberno” e de “desprezo pola tolerancia”, ademais de adicarlle ao executivo de Trigo adxectivos como “irrelevante e incompetente”. O portavoz de Somos Fene aclarou que o acordo co PP “non é unha coalición Partido Popular-Somos Fene” senón “un acordo circunstancial” ata maio do ano que vén no que estarían recollidos á súa vez todos os apartados suscritos polo goberno tripartito en 2015 e outros puntos do programa de Somos Fene.

Dura tamén foi Mari Carmen Martínez, representante de Esquerda Unida desde o grupo mixto e membro do goberno. Con brevidade e contundencia, Martínez acusou aos edís de Participación Democrática Directa de Galicia, “xa que así é como se presentaron ás eleccións”, de desatender as súas obrigas como concelleiros, asegurando que en ano e medio só asistiran a dúas comisións informativas “nin ás mesas de voceiros nin ás mesas de negociación, só aos plenos para poder cobrar 400€”. A concelleira falou tamén da “mediación do PSOE Fenés” no impulso da moción, cualificando a Noceda como “a madriña da voda” entre PP e Somos Fene. “É a segunda vez na historia da democracia de Fene en que este voceiro rebenta un goberno”, afirmou Martínez.

Pola súa banda, a voceira do BNG Sandra Permuy, cualificou a moción de censura como un “asalto ao goberno” que “non se axusta á legalidade” por estar recorrida nos tribunais. En palabras da concelleira, a censura tampouco estaría xustificada posto que, segundo dixo, “Fene Funciona e funciona ben a pesar da oposición destrutiva, ruín e traidora cos seus votantes”. Permuy criticou “o silencio covarde” do PSOE e indicou que desde agosto de 2016 o PP, PSOE e Somos Fene non presentaran ningunha proposta “porque o único que fixeron foi conspirar”, sentenzou Permuy. A voceira nacionalista rematou alertando de que a moción “abre a porta a un goberno corrupto”, aludindo ao caso da venda irregular de chatarra.

A diferenza doutras sesións en que existen turnos de réplica, nesta o procedemento só marca unha única intervención de cada grupo antes de votar a moción e, en consecuencia, o nomeamento de novo alcalde. Foi Mariela Aguilar quen foi facendo os chamamentos e certificando o xa sabido, o apoio de PP e Somos Fene, a abstención do grupo do PSdeG-PSOE e o rexeitamento de EU-IU e do BNG. A propia Aguilar protagonizou o momento máis distendido dentro do ton serio da sesión, ao votar favorablemente a moción. Un erro “por causa da emoción” do momento que ela mesma enmendou de inmediato entre as risas do público e do resto da corporación. “É un non coma unha catedral”, dixo a concelleira.

Tralo reconto de votos da secretaria -9 a favor, 3 abstencións e 5 en contra- foi Rocío Bértoa quen lle tomou xuramento ou promesa a Gumersindo Galego, quen pouco despois das 13.00h. volvía converterse en alcalde de Fene, cargo que xa ocupara entre 2011 e 2015. O novo rexedor informou que se convocará “o antes posible” o pleno de organización do Concello, onde se asignarán as delegacións do tamén novo equipo de goberno do que, tal e como aclarou Galego, tamén formará parte Somos Fene.