Mércores 11 de Decembro de 2019

As mozas de Teño unha horta… contan a historia de El Cisne que aínda estaba por contar


A conserveira El Cisne instalada a finais dos anos 80 na Bidueda supuxo unha importante -e malograda- experiencia industrial que abriu en San Sadurniño unha etapa de certa prosperidade económica e de emancipación para moitas mulleres. A historia dos seus comezos, do seu funcionamento e do seu peche consta nas hemerotecas da época e en colectores do pasado como o proxecto Fálame de San Sadurniño, pero aínda faltaba que alguén contase en primeira persoa o que era El Cisne e os cambios sociais que trouxo canda si. Agora, máis de vinte anos despois do peche da «fábrica» -nome polo que aínda é recordada a conserveira-, Cruz Piñón, Consuelo Picos, Carmen Bouza, Lucía Pita e Carmen Couce, estrean dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab un pequeno documental que conta esa historia que estaba por contar. Coa axuda da axente da aula CeMIT, Carmen Suárez, as integrantes do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño deixan a un lado os raños e os cultivos para abrir o melón do noso acontecer recente e testemuñalo en clave feminina baixo o nome de «Historia do cisne, o atún e a troita». O profesor Manolo González resume así a peza:

Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937), veteranas colaboradoras en Fálame de San Sadurniño, crearon o proxecto «Teño unha horta en San Sadurniño» no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo. Na súa canle de Youtube- arredor de 60 vídeos publicados- dan a coñecer os labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático -375.911 visualizacións- e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como o «mellor web serie en VO» no Carballo Interplay, «Mellor vídeo-opinarmos» en Youtubeir@s, ou o premio como «mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores», outorgado pola fundación DomusVi.o de Madrid entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede.

As cinco mulleres xogan na casa, coñecen ben o territorio, e teñen demostrado dabondo o seu bo facer coas cámaras dos seus teléfonos móbiles. Tamén colaboraron nas anteriores edicións do Chanfaina Lab axudando no que podían, dende a localización e produción ata o reparto e interpretación.

Pero nesta edición animáronse a participar como cineastas. Porén, a organización púxolle un pequeno atranco: a peza producida non podería estar relacionadas coas hortas. Así que, despois de darlle unhas voltas, decidíronse por lembrar unha fábrica que funcionou en San Sadurniño de 1986 ata 1995 na que traballaron preto de 200 mulleres da contorna. Quen teña interese pode achegarse á súa historia en Inauguración de «El Cisne» e o seu traumático remate en O final do Cisne.

Durante varios días apelaron ás redes sociais, procurando información gráfica ou escrita e entrevistando á antigas traballadoras da factoría para, ao cabo, producir esta peza. Como comenta Cruz Piñón: «A do Cisne pareceunos unha gran historia. Estaba case esquecido, como se isto non pasara no noso concello; quixemos refrescar a memoria das mulleres que alí traballaron: todas mulleres loitadoras; para moitas foi o primeiro traballo con nómina; algunha delas aínda está noutra empresa na mesma nave do Cisne». Maruxa insiste no mesmo: «esta película fixémola porque foi algo moi importante para San Sadurniño. Naquela época as mulleres só traballaban na casa ou no campo. O Cisne deulles a oportunidade de ter un traballo, un soldo, porque era moi importante ter un diñeiro gañado por elas». E para Carmen Couce: «a fábrica foi moi importante para o concello de San Sadurniño, deu moito traballo a moitas mulleres. Eu fun unha delas. Foi o meu primeiro traballo; cando cobrei os meus primeiros cartos voaba de contenta e feliz. De feito, moitos lembran esta época como os «anos do Vespino», porque moitas mulleres puideron mercar unha moto para ir ao traballo».

“Historia do cisne, o atún e a troita” é un anaco de historia viva que representa integramente o concepto do “cine de memoria social”, pois foi deseñado e producido polas propias protagonistas que viviron o relato contado. A peza -gravada cos seus móbiles- aparece vertebrada en tres bloques que aluden á historia do proceso. O primeiro, “o cisne” aborda os comezos da empresa -nacida ao abeiro das axudas para Zonas de Urxente Reindustrialización trala reconversión naval-, así como o día a día na factoría. O segundo -«o atún»- xira sobre a materia prima na que se sustentaba a actividade da fábrica, o enlatado do atún procedente do Océano Pacífico. O terceiro e último bloque -«a troita»- o detonante que levou ao peche da factoría: a contaminación que provocou a mortandade masiva das troitas do río Xuvia e da súa riqueza piscícola.

A curta afonda principalmente nos aspectos humanos, no que supuxo para o empoderamento das mulleres -a maior parte do cadro de persoal era feminino- e no xeito en que tamén elas levaron a cabo a loita obreira para frear un peche inevitable.

«Historia do cisne, o atún e a troita» non foi a única peza producida polas mozas de Teño unha horta en San Sadurniño para o Chanfaina Lab. De feito, fixeron outro documental, encabezado co título “Boniatos no país do sol poñente”, que se estreará proximamente. As realizadoras -cunha media de idade superior aos 70 anos- versionearon o filme “A illa núa” do xaponés Kaneto Shindô co que Óliver Laxe ilustrou a charla de peche do pasado encontro audiovisual. A cinta de 1960 narra a vida dunha familia que habita un illote do Xapón sen auga doce, onde cousas tan cotiás como cultivar a terra, beber, ir á escola… supoñen un inmenso esforzo e un reto vital. O mesmo que moitos labores agrícolas que aínda hoxe se fan por Galicia adiante. A música e a estética de “A illa núa” duplícanse na curta das realizadoras locais para reflectir que o apego á terra e o traballoso de soster un rural vivo non é algo exclusivo de lugares lonxanos, senón unha responsabilidade da que terman moitas mulleres e homes ben preto de nós.