Mércores 17 de Outubro de 2018

Cambre presenta un remanente de tesourería de máis de 3 millóns de euros


O Concello de Cambre presenta un superávit de 1.326.837 millóns de euros, o que dá idea do bo estado económico no que se atopan as arcas públicas municipais

O Concello de Cambre presenta un superávit de 1.326.837 millóns de euros e un remanente de tesourería de 3.205.575 euros, o que dá idea do bo estado económico no que se atopan as arcas públicas municipais.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, anunciou esta mañá os datos económicos das arcas públicas que levan varios anos arroxando cifras positivas. Para o primeiro edil, estas cifras son moi positivas e amosan a boa saúde económica do Concello. Lembra que Cambre situouse no terceiro trimestre do ano no período medio de pago a proveedores en 12,76 días, un dato que reflexa a celeridade coa que o Concello paga as súas facturas.

“Estamos satisfeitos porque tivemos que apertarnos o cinto sen renunciar aos investimentos importantes, garantindo e aumentando os servizos públicos. Para iso necesitamos facer unha boa xestión dos recursos económicos”.

Doutra banda, no que respecta á débeda pública esta sitúase a data 31 de decembro de 2017 en 2.251.593 euros. O goberno local asegura que volverá reducila ao mínimo posible en 2018, deixando ao Concello practicamente sen débeda viva para 2019.

Patiño, lembrou que está pendente do decreto do Ministerio para destinar o diñeiro ao municipio. O Ministerio Facenda e Administracións Públicas e a Federación Españolas de Municipios e Provincias (FEMP) acordaban recentemente aprobar a norma que permitiría ás entidades locais con superávit destinar esta cantidade a investimentos. Ata agora, debido ás imposicións da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, as corporacións locais só podían destinar este remanente positivo de tesourería á amortización de débeda.