Venres 20 de Abril de 2018

Feijóo constata a capacidade da industria naval galega para afrontar proxectos cada vez máis complexos, internacionais e co aval da experiencia e a innovación


Destaca as novas posibilidades do transporte marítimo, xa que en 2020 entrará en vigor a normativa pola que se fixa un número máximo de emisións por parte das armadoras, que terán que decidir entre un combustible baixo en xofre ou GNL
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe a capacidade da industria auxiliar do naval galego para dar cobertura a proxectos cada vez máis complexos, en países de todo o mundo e co aval da experiencia e a innovación.

Nesta liña, e durante unha visita ás instalacións de Gabadi, S.L., salientou que esta empresa pioneira é capaz de ofrecer solucións novas, e de facelo para mercados tan diversos como o naval offshore ou o transporte de gas natural licuado, referíndose á entrega do último módulo que acaba de construír para o aloxamento dos traballadores que operan nunha das plataformas petrolíferas do Golfo de México: en total, 31 contedores que, en cifras, supuxeron catro millóns de euros de investimento e a participación doutras empresas da comarca.

“Unha vez máis ponse de manifesto como a industria galega recorre á I+D+i para sortear retos tecnolóxicos”, dixo, incidindo en que cada un dos habitáculos deseñados por Gabadi son innovación 100% galega e con alcance mundial.

Como sinónimo de fiabilidade e innovación, o responsable do Goberno galego resaltou tamén outro dos proxectos que ten en carteira no ámbito do transporte marítimo con GNL: a construción de 4 tanques que portarán os 4 buques portacontedores máis grandes do mundo que van ser os primeiros propulsados por este tipo de combustible. Un sector en pleno despegue, xa que en 2020 entra en vigor a normativa pola que se fixa un número máximo de emisións por parte das armadoras, que van ter que decidir entre empregar un combustible baixo en xofre ou GNL.

Sobre este punto, Feijóo subliñou que, a través das Directrices Enerxéticas de Galicia, a Xunta tamén se propón impulsar o fomento do GNL como combustible marítimo e por estrada. “Desde 2009, en Galicia mobilizáronse máis de 350 millóns en proxectos vinculados coa rede de distribución e transporte de gas. E, agora, coas directrices, queremos dar continuidade a este investimento, con iniciativas como o Hub de GNL de Reganosa que se vai poñer en marcha en Ferrolterra”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou ademais que o esforzo por innovar desta empresa está a producir o mesmo efecto chamada que se pretende coa Lei de implantación empresarial. Non en van, a mesma empresa coa que asinou o contrato para a construción dos módulos de aloxamento para plataformas offshore, está interesada en instalarse e Narón e crear un centro de excelencia en soldadura, pola man de obra cualificada, polos prezos do solo industrial e pola zona horario compatible con Asia e América.

Ademais de destacar o apoio da Xunta ao sector industrial galego a través de iniciativas como o Programa Galicia 1000, entre outros, Feijóo incidiu en que en Ferrolterra tamén se percibe que o naval en Galicia recupera o liderado, non só a través da eólica offshore, senón tamén co apoio do Goberno central, que vai destinar 250 millóns nos orzamentos do Estado para comezar a construción das novas fragatas F-110.

Deja un comentario