Mércores 15 de Agosto de 2018

O Concello de Oroso conmemorará o 25-N cun contacontos, un obradoiro de autoprotección para mulleres e unha sesión de teatro infantil


Estas iniciativas súmanse ás realizadas no IES de Oroso e cos clubs deportivos, en colaboración coa Mancomunidade de Ordes

O Concello de Oroso ten preparado un amplo programa de actividades para conmemorar durante a próxima semana o 25 de Novembro, día de loita contra a violencia de xénero. Baixo o lema “Cortemos os fíos da violencia de xénero”, o programa inclúe unha sesión especial de contacontos en igualdade, un obradoiro de autoprotección para mulleres e unha sesión de teatro familiar que se sumarán ás actividades que se están a celebrar no IES de Oroso e entre os clubs deportivos en colaboración coa Mancomunidade de Ordes.

Así, o martes 25 de novembro haberá unha actividade dobre. A primeira será un contacontos especial sobre igualdade e prevención da violencia de xénero no que participarán 140 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Sigüeiro e Oroso. Ana Carreira presentará “As princesas pitas” e “A rebelión das lavandeiras”, ás 11:15 horas no centro cultural de Sigüeiro. Un acto no que se aproveitará para dar lectura a un manifesto realizado coas reflexións obtidas no Programa Igualar3 nos distintos IES da comarca e para facer entrega das bolsas aos establecementos hostaleiros de Oroso que participen na campaña de sensibilización “Os comercios contra a violencia de xénero”.

Autoprotección

O mércores 26 de novembro, o complexo deportivo Juanito Amigo (Sigüeiro) acollerá un obradoiro de autoprotección para mulleres. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, aquelas veciñas que o desexen poderán aprender técnicas de autoprotección e defensa ante posibles situacións de perigo. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais do Concello de Oroso (981 688 950).

Finalmente, o venres 28 de novembro, ás 18:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá a a representación de “O país dos mandóns”, a cargo da compañía Ghazafelhos. Trátase dunha actuación organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, que narra como unha sociedade patriarcal coarta a liberdade das mulleres e das nenas. Cunha linguaxe moi sinxela e con imaxes con moita carga simbólica, Ghazafelhos explica como as mulleres e os homes teñen os mesmos dereitos e os convida a sentirse iguais dende as súas propias diferenzas, polo que está especialmente recomendada para o público infantil A entrada é libre e de balde.

Paralelamente, o Concello de Oroso participará nas actividades organizadas pola Mancomunidade de Ordes, como o Programa Igualar3 levado a cabo no IES Oroso ou as campañas de sensibilización co sector comercial e cos distintos clubs deportivos.