Venres 20 de Abril de 2018

Boqueixón acolleu unha charla sobre axudas para a rehabilitación de vivendas no Camiño


A sesión contou coa presenza de técnicos da Xunta que explicaron as distintas liñas de subvención á trintena de asistentes

O local social de Lestedo acolleu onte unha charla sobre o plan Vivendas do Camiño. Programa de rehabilitación de vivendas nos camiños de Santiago, promovido pola Xunta de Galicia. A esta sesión acudiron arredor de 30 veciños e veciñas dos municipios de Boqueixón e Vedra, interesados nesta liña de subvencións.

O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, participou nesta actividade e animou á veciñanza a solicitar as axudas. “Estas diríxense aos residentes nas parroquias de Lestedo e Sergude, polas que transcorre a Vía da Prata. O programa Vivendas do Camiño resulta unha ferramenta moi útil para mellorar as casas; unhas rehabilitacións que revertirán nunha mellora da imaxe que se dá do noso municipio aos miles de pelegríns que percorren esta Ruta Xacobea todos os anos”.

Unha técnico da Xunta de Galicia foi a encargada de explicar aos asistentes máis detalles sobre o proceso de solicitude e a documentación precisas para obter estas axudas. A contía máxima que poderá aportar a Administración Autonómica é de 15.000 euros por vivenda.

Para obter máis información, as persoas interesadas deberán remitirse á Oficina de Rehabilitación de ARI dos Camiños de Santiago. Tamén se poden dirixir ao correo electrónico ofic-rehavivendasdocamino.igvs@xunta.gal ou na web https://ari.igvs.xunta.gal.

Deja un comentario