Venres 20 de Abril de 2018

Un total de 416 persoas visitaron as minas de San Finx durante o mes de marzo, das que 179 o fixeron durante a Semana Santa


Durante os tres meses do novo servizo de apertura do complexo mineiro se rexistraron 715 visitas, case a metade das recibidas en 2017

Un total de 416 persoas visitaron as minas de San Finx durante o pasado mes de marzo, o que practicamente duplica a cifra acadada nos dous meses anteriores, momento no que entrou en servizo do novo horario de apertura que permite visitar o complexo mineiro sen necesidade de cita previa. No que vai de ano, o número de visitantes suma xa 715 persoas, case a metade das recibidas no ano 2017 (1.500).

Durante o mes de marzo, o Museo das Minas de San Finx recibiu 60 consultas (exactamente o dobre ca en febreiro) e 416 visitantes. Un 93,99% do total (391 persoas) foron galegos, a gran maioría da provincia da Coruña (348 persoas). Nesta ocasión rexistráronse 42 visitas de Pontevedra e 1 persoa de Lugo. Así mesmo, recibíronse 25 visitantes de fóra de Galicia. De todos os visitantes, 293 persoas (70,43% do total) residían na península do Barbanza e/ou no xeodestino turístico Ría da Estrela.

O Museo das Minas de San Finx ofrece tres tipos de información diferenciadas, en función das necesidades do visitante: unha introdución sobre os edificios que se poden visitar no poboado mineiro de San Finx; unha breve explicación de 10-15 minutos sobre as pezas expostas en ambos os dous edificios dos talleres e compresores; e, por último, a visita guiada sobre a historia das Minas de San Finx.

A visita guiada foi o servizo de información máis empregado (302 persoas, o 78,81% do total). A breve explicación foi empregada por 61 persoas mentres que outras 53 optaron pola introdución. Das 302 persoas que visitaron de xeito guiado o Museo, o 78,81%% deles reservou a visita con antelación. As restantes 64 persoas visitaron o Museo sen facer reserva algunha.

Horario especial de Semana Santa

Entre o sábado 24 de marzo e o domingo 1 de abril, o Concello de Lousame puxo en marcha un servizo especial de visitas co gallo das vacacións de Semana Santa, que incluíu unha ampliación de 5 horas e media sobre o horario habitual. Isto traduciuse na visita dun total de 179 persoas e na recepción de 45 consultas. Desas persoas, un total 111 realizaron a visita guiada ao Museo das que o 72,07% delas (80 persoas) non reservou a visita con antelación.

Desas 179 persoas, 104 (o 58,1% do total) son residentes na península do Barbanza e/ou no xeodestino turístico Ría da Estrela. Pola contra, 75 persoas (o 41,9%) foron excursionistas e turistas.
Novo horario

A incorporación dunha técnica de turismo ao Concello de Lousame a mediados de xaneiro permitiu abrir as minas de San Finx un total de 27 horas á semana, de mércores a domingo, en horario de mañá e de tarde. Un horario que estivo vixente ata onte xoves 12 de abril, data na que finalizou o contrato da técnica.

Ata a incorporación dunha nova técnica de turismo, o novo horario de atención ao visitante no Museo das Minas de San Finx é o seguinte: sábados e domingos, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Así mesmo, de martes a venres realizaranse visitas guiadas programadas con antelación para grupos de máis de 10 persoas. As visitas poden concertase chamando ao Concello de Lousame: 981 820 494. O complexo permanecerá pechado todos os luns.

Deja un comentario