Venres 20 de Abril de 2018

Aprobado o proxecto piloto co que abrirá as súas portas o Centro Educativo e de Lecer María Miramontes


O Centro Educativo e de Lecer María Miramontes abrirá as súas portas nos próximos meses, e farao cun programa piloto para a implantación dun servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto, que será cofinanciado coa Deputación da Coruña.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que este programa piloto permitirá “desbloquear por fin a situación da ludoteca de Fontiñas, que leva acumulando anos de atraso”. A construción do edificio foi adxudicada en 2006, pero posteriormente o Concello tivo que aprobar dous modificados das obras, en 2008 e en 2010. O acondicionamento do contorno do edificio tivo que esperar aínda algúns anos máis e, por último, a Xunta esixiu acometer unhas obras de mellora da accesibilidade á ludoteca, ás que lle deu o visto bo no pasado mes de xaneiro.

O proxecto piloto aprobado hoxe desenvolverase ao longo dun ano, prorrogable por outro. O orzamento previsto para este 2018 é de algo máis de 100.000 euros. Desa cifra, o 80% será achegada pola Deputación da Coruña, que previamente terá que aprobar en pleno un modificado de orzamento. O alcalde explicou que “os prazos dos trámites administrativos pendentes fannos estimar que a apertura do centro educativo e de lecer se producirá ao longo do verán”. O obxectivo é prestar un servizo de conciliación ás familias con nenos e nenas de 2 a 12 anos.

Compostela Móvese
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiron luz verde dúas propostas relacionadas co proxecto Compostela Móvese, que este ano se desglosa en dous programas, cada un deles cun orzamento de 80.000 euros. Dunha banda, baixo a denominación de Compostela Móvese, organizaranse iniciativas xa consolidadas como “Aposta por ti, aposta polo teu barrio” ou “Efecto Proximidade”, así como accións de promoción da cultura emprendedora. Baixo o epígrafe Compostela Móvese con S de Social, desenvolveranse proxectos colaborativos, e xornadas e accións de difusión da economía social.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou a adxudicación do contrato dos servizos de conserxería e limpeza en varias instalacións deportivas municipais á empresa Lacera. O contrato terá un importe de case 670.000 euros anuais.
Por último, acordouse iniciar o procedemento de adxudicación do servizo de organización e celebración da Festa dos Maiores, por un importe máximo de 37.536 euros, IVE incluído.

Deja un comentario