Venres 26 de Febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña visitou en Boiro o inicio das obras de rehabilitación do pazo de Goiáns


Un convenio entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda fixo posible este proxecto, que ten un orzamento dun millón de euros
As obras para a rehabilitación integral do Pazo de Goiáns, en Boiro, para transformalo nun centro cultural e museo comezaron co baleirado do tellado e das estruturas internas da edificación. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou estas actuacións acompañado polo alcalde, Juan José Dieste.

Este proxecto é posible grazas á sinatura no pasado mes de novembro dun convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Concello de Boiro para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio en concellos de menos de 50.000 habitantes.

No convenio, a Xunta adianta con cargo ao Fondo de Cooperación un total de 1.050.394,36 euros ao Concello, que deberán ser devoltos sen xuros pola institución local en oito anualidades, sete delas de 131.300 euros e unha última no 2025 de 131.294,36 euros.

O Pazo de Goiáns xurde dunha antiga fortaleza medieval, cunha torre defensiva na zona sur e unha casa principal que consta de planta baixa e planta nobre superior. Ademais, conta con capela anexa ao edificio, que tamén se integra dentro dun conxunto de edificacións auxiliares como almacéns, lagares, hórreo e pombal. Ata o inicio desta intervención, o Pazo presentaba un estado semi-ruinoso, con parte da cuberta e dos forxados en situación de colapso estrutural.

O proxecto de restauración porá en valor no só o Pazo, senón tamén todo o conxunto edificado e a mesma finca. Primaranse os espazos polivalentes que sirvan tanto para exposicións como para talleres ou conferencias. Tamén se inclúe unha pequena biblioteca e a torre presentarase como un valor en si mesmo onde se recreará o seu pasado. Oficinas, aseos e zonas de distribución completan o proxecto.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que “A Xunta de Galicia pon este ano a disposición dos concellos 7,6 millóns de euros para financiar actuacións de posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de permitir a súa recuperación e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio”.