Domingo 15 de Decembro de 2019

O Concello de Noia fará un estudo sobre o mellor modelo de xestión para o aparcamento Xuíz Falcone


O Pleno aproba por unanimidade a moción do PSOE, despois de que decaera a moción e a emenda presentadas pola Marea Cidadá de Noia para establecer un modelo de estacionamento limitado no tempo

O Concello de Noia fará un estudo económico sobre o mellor modelo de xestión para o aparcamento Xuíz Falcone. Unha medida aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado  a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal socialista, despois de que a Marea Cidadá de Noia aceptara retirar a súa moción sobre o mesmo tema e decaera a súa emenda ao texto socialista, xa que limitaba o modelo de xestión a un estacionamento limitado no tempo.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, amosouse “de acordo con que se elabore o estudo”, pero lembroulle ao grupo socialista que “o que se fixo foi aplicar o modelo previsto no proxecto”, impulsado polos socialistas. Así mesmo, advertiu de que “temos que ter en conta que non terá un efecto inmediato” xa que o aparcamento se atopa ao 90% da súa ocupación e “eses usuarios asinaron uns contratos que terán unha vixencia no tempo que hai que respectar”. Unha situación que aceptaron todos os grupos municipais.

Ocupación do 90%

Ante as argumentacións dadas pola Marea Cidadá de Noia sobre unha presunta infrautilización do aparcamento, Freire Abeijón lembrou que ao actual modelo de xestión “se lle deron uns meses para analizar se o nivel de ocupación era aceptable. Demostrouse que hai unha porcentaxe de ocupación elevado, do 90%, pero non podemos esixirlles que teñan o coche aló estacionado todo o día”.

Un punto no que coincidiu o concelleiro de Turismo e voceiro do NOIA, José Pérez, quen recoñeceu que “o parking naceu para o aluguer e hai un 90% das prazas ocupadas. Se dixo que había necesidade de aluguer para que houbera prazas libres en superficie. Non nos fagamos trampas entre nós porque temos o 90% ocupado e non hai déficit de prazas de aparcamento en Noia”.

Así mesmo, Santiago Freire advertiu de que “se se opta por un sistema de estacionamento por tempo limitado haberá que aplicar tecnoloxía ou medios humanos para controlar que non se supere o tempo. Sexamos conscientes de que iso esixirá un investimento”. Finalmente, o alcalde indicou que está en conversas con Portos de Galicia para ver as posibilidades de mellorar e ampliar o aparcamento no peirao do Marqués.

Sistema eficiente

O voceiro municipal socialista, José Manuel Lage, recoñeceu que “o déficit de estacionamento é en días puntuais” pero insistiu en que “se debe facer unha xestión máis eficiente” do aparcamento Xuíz Falcone xa que “o actual modelo está condicionado por variables económicas que teñen que ver co modelo adoptado á hora de construílo”. Neste sentido entendeu que o Concello de Noia “ten unha situación económica boa” e “ten capacidade par asumir os gastos p ara dar un mellor servizo á actividade económica e comercial da vila”.

Lage pediu que o estudo estea listo en setembro ou outubro de 2018 e indicou que “o sistema que propón a Marea merece ser tido en conta. Está en liña co que podemos defender pero non nos pechemos a outras experiencias de xestión do aparcamento”. Neste sentido, insistiu en que se trata dunha “moción construtiva para sacarlle rendemento a unha infraestrutura que custou moitos cartos”.

Pola súa banda, o voceiro municipal da Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, contrapuxo a intervención do voceiro do NOIA coa do socialista, pois “non vexo a asunción de responsabilidades no PSOE, que foi o promotor e impulsor da ordenanza municipal” e “sabemos que o PP non tivo nada que ver na posta en marcha deste servizo”. Seijas insistiu en que “a xente que aluga non fai uso do parking” e lembrou que “presentamos 1.200 sinaturas de xente da hostalería, comercio e residentes” contra o modelo actual.

Seijas indicou que “o parking non é necesario, pero xa está feito e temos que poñelo ao servizo da xente”, denunciando “un déficit de estacionamento en proximidade” que “é un prexuízo para o comercio local”.

Finalmente, a concelleira do BNG, Irati García, apoiou a moción facendo un chamamento “ao interese xeral e á infrautilización” do aparcamento que “non é todo o efectivo que debería ser para un equipamento destas características”.

No que atinxe ao resto da orde do día, a acta do pleno ordinario de marzo de 2018 quedou sobre a mesa diante das reclamacións presentadas polos grupos da oposición sobre a ausencia de algunhas das intervencións realizadas. O secretario municipal acordou revisar a gravación e traer de novo a acta na próxima sesión ordinaria.