Domingo 07 de Marzo de 2021

Santiago segue mantendo índices baixos de criminalidade en relación ao conxunto do Estado


Santiago segue mantendo índices baixos de criminalidade e na cidade non hai motivos para o alarmismo nesta materia. É a principal conclusión da Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe, presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Na reunión volveu quedar patente o bo clima de colaboración entre os distintos Corpos e Forzas de Seguridade na capital galega.

A Xunta Local de Seguridade foi convocada con carácter ordinario, para analizar tanto os índices de criminalidade do primeiro trimestre do ano, como os do conxunto de 2017. O subdelegado do Goberno na Coruña explicou que nos tres primeiros meses de 2018 «rexistrouse un leve incremento das infraccións penais, do 6%, un aumento que entra dentro dos parámetros habituais». Jorge Atán salientou que «a subida de delitos como os roubos con violencia e intimidación vai acompañada da subida do número de detidos e do esclarecemento dos feitos, constatando que estamos tendo unha boa resposta policial». Ao tempo, baixaron os furtos. O subdelegado advertiu tamén dun «repunte das estafas por Internet, relacionadas fundamentalmente co alugueiro de vivendas».

Seguridade nos Campus
A Xunta Local de Seguridade analizou as queixas formuladas por estudantes da Universidade de Santiago en relación á seguridade nos campus e a posibles casos de violencias machistas. O alcalde, Martiño Noriega, recoñeceu que «as cifras oficiais din que as denuncias por estes casos diminuíron» e fixo un chamado «a presentar as correspondentes denuncias para favorecer a análise da situación».

Seguridade viaria
Na reunión desta mañá tamén se analizou a evolución dos datos relacionados coa seguridade viaria, e máis en concreto cos atropelos. No primeiro trimestre do ano rexistráronse 19, fronte aos 25 do mesmo período de 2017. O subdelegado do Goberno na Coruña mostrouse convencido de que «a colaboración da Policía Local coa DXT está a dar os seus froitos, como tamén os esforzos en mellora da sinalización que está a facer o Concello». Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, expresou o seu desexo de que «a boa evolución destes primeiros meses se manteña ao longo do ano». O edil explicou que as últimas actuacións para reforzar a sinaléctica executáronse en San Lázaro, «onde o tráfico peonil é intenso por mor do Camiño de Santiago». Tamén se está actuando no Campus Sur.