Mércores 17 de Outubro de 2018

A V Carreira popular Concello de San Sadurniño abre o período de inscricións


O evento -puntuable este ano para o circuíto provincial- desenvolverase o domingo 27 no contorno do paseo fluvial

O contorno do paseo fluvial acollerá o domingo 27 de maio a V Carreira popular Concello de San Sadurniño, organizada pola área de Cultura e Deportes e polo CPI de San Sadurniño coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. Aínda falta case un mes, pero xa hai xente que leva semanas adestrando para cita, que ten como obxectivo principal a promoción do exercicio e da actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable en todas as etapas da vida. As inscricións poden facerse ata o 23 de maio a través da páxina www.emesports.es. Por razóns organizativas e de seguridade hai un límite de 700 atletas para o trazado de 5 km., mentres que para os traxectos curtos das categorías inferiores non hai ningún tipo de restrición.

No caso dos equipos, as inscricións haberá que tramitalas, como moi tarde, o día 20 de maio facendo antes a inscrición individual na web. Deberase enviar un correo a c.equipossansa@gmail.com indicando nome do equipo -mínimo de 6 compoñentes-, se é de dentro ou de fóra de San Sadurniño e o nome, apelidos e sexo de cada participante. O alumnado do colexio e o resto da comunidade educativa poderá inscribirse presencialmente no propio centro escolar. O prezo son 3€ para quen corra a proba absoluta -desde Junior ata Veteráns D-, mentres que para o resto de categorías a participación será gratuíta. O regulamento completo pode descargarse desde esta ligazón.

Co obxectivo de axilizar o desenvolvemento das probas, a saída da primeira carreira darase ás 11.15 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2006, 2007 e 2008-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Quince minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2004/2005 e 2001/2002/2003- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.30 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2009 e 2010- e para as 12.40h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2011/2012. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 12.50h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2013 e 2014- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

O evento deportivo é puntuable para o VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade en colaboración co CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe a Deputación da Coruña, Navantia, O Padroado de Deportes de Narón, o Concello de Narón, o Concello de Ferrol, a empresa SEDEGA, DECATHLON e o Club Castro de Lobadiz.

Día de mercado local e tamén de carrilleiras en Lamas
Cómpre lembrar que a V Carreira Popular vai coincidir no mesmo día en que San Sadurniño celebra outros eventos. De feito, ese domingo teremos mercado local nos xardíns municipais e Lamas celebrará a XII Feira de Artesanía e de Degustación de Carrilleiras.