Mércores 17 de Outubro de 2018

A Xunta de Galicia reivindica o papel dos maiores na sociedade durante o xantar deste colectivo no concello de Ordes


O titular autonómico lembrou os programas e servizos a disposición deste sector da poboación, como o Servizo de Axuda no Fogar, que se incrementou nun 54% desde o 2015, o que permite prestar un total de 35.196 horas de atención ao ano
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu ao xantar dos maiores celebrado no municipio coruñés de Ordes, onde tivo a oportunidade de departir cos asistentes e escoitar as súas necesidades e demandas.

Durante a súa intervención, Rey Varela lembrou a importancia das persoas maiores na construción da sociedade moderna e do benestar de hoxe, engadindo que teñen un papel fundamental no pasado, presente e futuro da nosa comunidade.

Precisamente, para garantir o benestar deste piar fundamental para Galicia, a Xunta incrementou o Servizo de Axuda no Fogar na Mancomunidade de Ordes en preto dun 54% desde a creación da Consellería de Política Social, o que permite que na actualidade se estean a prestar 35.196 horas de atención ao ano.

O titular autonómico fixo tamén referencia aos múltiples servizos que a Administración galega pon a disposición das persoas maiores para fomentar o envellecemento activo e os hábitos de vida saudables como a mellor maneira de previr situacións de dependencia.

Neste sentido, Rey Varela fixo alusión aos programas de benestar en balnearios, mediante o cal se ofertan estadías e tratamento termal para maiores; e xuntos polo Nadal, dirixido a aquelas persoas maiores que se atopan soas durante as datas de Nadal. Trátase de programas que se enmarcan na Estratexia galega de envellecemento activo, que xorde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media en Galicia.

O titular da carteira social indicou que o compromiso con este colectivo por parte do Goberno galego ponse de manifesto no incremento en máis dun 11% dos orzamentos da área de maiores para 2018 con respecto ao ano pasado, chegando aos 309 millóns de euros. Unha maior disposición de recursos que, segundo explicou o conselleiro, permite consolidar a rede de prazas residenciais e de atención diúrna, potenciar o Servizo de Axuda no Fogar a Dependentes (SAF) ou ampliar a ratio de atención a persoas dependentes ata situalo na actualidade no 83,5%.