Mércores 17 de Outubro de 2018

Bombas de palenque, cabezudos e músicas diversas no arranque das festas da Ascensión


A Ascensión 2018 comezou mércores ás 12:00 horas. As bombas de palenque darán paso a cinco días de festa cheos de actividades abertas a toda a cidadanía, moitas delas de balde, e cunha decidida aposta pola presenza de artistas femininas.

Cos estalos dos foguetes arrancará a tradicional comparsa dos cabezudos pola zona vella compostelá. Esta procesión festiva, constante nas celebracións santiaguesas dende 1879, partirá da praza das Praterías para levar a súa algueirada polas rúas do Franco e do Vilar, a praza do Toural, as rúas de Orfas e Preguntoiro, a praza de Cervantes, o cantón de San Bieito, e as rúas Travesa, Casas Reais e Fonte Sequelo, ata rematar no Teatro Principal.

Logo da mañá de ruada, a festa prosegue á noite cunha completa axenda musical. Ás 21:30 h, o escenario instalado na praza da Quintana acolleu o concerto de Los40 Stage, con Iván Ferreiro e Delaporte. Óscar Martínez, DJ e locutor de Los40 Principales, será o encargado de conducir o evento. Tras unha breve intervención musical co gallo de contaxiar ao público asistente das ganas de bailar, arredor das 22:00 horas deu paso á actuación do dúo composto por Sandra Delaporte e Sergio Salvi, un dos grupos revelación do último ano na escena da música electrónica.

Á partir das 23:00 h foi a quenda de Iván Ferreiro. O que fora líder de Los Piratas volve a Compostela logo de máis dun ano de xira co seu último disco, Casa, e a piques de saltar de novo o Atlántico para presentar en México e Chile os 12 temas que integran este traballo. Chega cun potente directo e apoiado por unha banda de grandes músicos que encherán de son a praza da Quintana. Ao seu remate, o DJ e locutor da SER tomará de novo escenario para unha sesión de baile que poñerá fin á noite.

Canda a praza da Quintana, outro dos espazos protagonistas das festas será a do Toural, que durante os  cinco días acollerá as propostas da contorna musical galega agrupadas no colectivo Compostela é! Música. Ás 23:00 horas, a banda de pop/indie Chupadeskai será a encargada de inaugurar este escenario. Liderada por Pablo Barge, á voz e guitarra, Chupadeskai conta con Paula Barge, ao piano e voz, Diego Pérez, no baixo e voz, e Aitor García, á batería.

Tamén as 23:00 h comezou a música na Alameda. A orquestra América abriu este ano a proposta musical do escenario do paseo central deste parque compostelán, que xa está ateigado de atraccións e opcións de entretemento para pequenos/as e grandes.

Servizos nocturnos no transporte urbano
As catro noites comprendidas dende a noite do mércores 9 ao xoves 10, ata a noite do sábado 12 ao domingo 13 de maio, terán servizo 12 liñas de transporte urbano:

No enlace adxunto indícanse os traxectos e os horarios nocturnos que realizará cada liña. As liñas con servizo nocturno son: 1, 4, 5, 6, 7, 8, C11, P1, P2, P3, P7 e P8. Ademais, contarán coas seguintes prolongacións: Garabal-Son (L1), Casas Novas (L4), Rocha Vella (L5), Amio (L6), Bando-Vilamaior (L6), Fornás (L7), rúa Tambre-Boisaca (L8), Viso-multiusos (LC11) e Lamas de Abade (LP3).

Por outra parte, o xoves 10, Día da Ascensión, a liña 1 do transporte urbano funcionará de 8:00 a 15:00 h como un día laborable (cada 16 minutos) e prolongarase en todas as viaxes nese horario ao recinto feiral de Amio. As restantes liñas do transporte urbano prestarán o servizo dun festivo ao longo de todo o día, así como a liña 1 en horario de tarde (a partir das 15:00 h).