Mércores 15 de Agosto de 2018

Medio Ambiente aposta por aproveitar a simbiose industrial dos polígonos da Grela, Pocomaco e Sabón para ampliar as vantaxas económicas, ambientais e sociais das súas empresas


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá un estudo sobre a Simbiose Industrial dos polígonos da Grela, Pocomaco e Sabón, co que se sentan as bases para a tramitación dunha estratexia autonómica
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá un estudo sobre a simbiose industrial do polígonos industriais de Pocomaco, Sabón e A Grela; no que se conclúe que este modelo colaborativo permite expandir as vantaxes económicas, ambientais e sociais, máis alá da esfera de influencia dunha soa empresa.

Mato Otero mantivo unha reunión coas xuntas directivas dos polígonos de Sabón, A Grela e Pocomaco aos que lles presentou os resultados deste documento, e aos que lles explicou que a simbiose industrial pode definirse como unha estratexia de negocio colaborativo para xerar vantaxes competitivas, a través do aproveitamento de oportunidade no uso directo de residuos e subprodutos, repartición de enerxía residual, de servizos ou infraestruturas.

A Xunta decidiu levar a cabo este traballo por entender que é necesario a existencia de facilitadores que presten apoio ás empresas para identificar e facilitar esas redes, é dicir, dar a coñecer o potencial e definir os instrumentos lexislativos e económicos para establecer dito marco positivo para o intercambio. Neste caso concreto, analizáronse 550 empresas da Grela, 340 de Pocomaco e 100 de Sabón; e posteriormente engadíronse entidades do polígono industrial de Cerceda.

Os catro polos industriais identificados, dos que se seleccionaron un total de 63 empresas, presentan un potencial moi importante no contexto empresarial galego e, sobre todo, da provincia da Coruña; tendo en conta varios factores: a representatividade do sector no tecido industrial dentro do territorio, a potencialidade (en canto a cifra de negocio), o nivel e o tipo de actividade e os indicadores sobre os seus condicionantes ambientais.

Beatriz Mato destacou que o conxunto de empresas seleccionadas, de 42 actividades económicas diferentes identificadas, poderían establecer 118 simbioses segundo o uso de materias primas e o consumo de recursos de auga, combustibles fósiles, minerais metálicos e non metálicos, calor, plásticos, produtos químicos e téxtil.

No obstante, a conselleira de Medio Ambiente salientou que o éxito de implantación desta simbiose industrial está nas mans das empresas, xa que son as que poden implantar as accións e reportar os beneficios económicos e ambientais que supón realizar este cambio. Engadiu que o aproveitamento das oportunidades que ofrece este novo modelo colaborativo ábrese a posibilidade de novas actividades económicas dentro dos territorios de estudo, é dicir, novas oportunidades de negocio e a creación de novos empregos.

Desbloquear o potencial das simbioses
Beatriz Mato indicou que ninguén dubida que hoxe Galicia avanza no camiño da transición cara a unha economía circular, modelo que require da implementación de certas organizacións, con resultados medibles e con potencial para ser replicados na economía.

A Xunta de Galicia decidiu asumir o papel de desbloquear o potencial da simbiose en Galicia, porque moitas veces as empresas non teñen os recursos suficientes para identificar ou explorar este tipo de oportunidades.

Nese sentido, o estudo presentado esta mañá representa o punto de partida para caracterizar as rexións industriais e identificar o potencial de aplicación. En definitiva, trátase de dar resposta a tres obxectivos básicos: dar a coñecer o marco teórico e os proxectos internacionais de éxito que poden servir de base para un programa de simbiose industrial en Galicia e proxectar os próximos pasos a realizar no futuro, como a elaboración dunha estratexia ou programa autonómico de simbiose industrial.