Mércores 17 de Outubro de 2018

O programa ‘Goza do Ulla 2018’ ofrece vinte rutas pola beira do Ulla dende maio ata outubro


Os 20 concellos participantes crearán unha asociación que impulsará a Gran Ruta do Ulla, un trazado de 250 quilómetros ininterrupidos pola beira do río

O programa ‘Goza do Ulla 2018’ ofrece un total de vinte rutas de sendeirismo para disfrutar do río Ulla dende o presente mes de maio ata finais de outubro. Cada ruta está programa nun Concello bañado polo río que discorre por tres provincias. As caminatas póñense en marcha o 26 de maio en Monterroso e rematarán o 27 e 28 de outubro en Touro e Vila de Cruces.

O programa Goza do Ulla naceu no ano 2011 coa participación de cinco concellos ribeireños. Sete anos despois, toman parte 20 municipios das tres provincias: Lugo Pontevedra e A Coruña. Son os concellos de A Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía.

A programación para o 2018 será a seguinte: Monterroso (Ruta dos Muíños, o 26 de maio); Palas de Rei (Ruta das Torrentes, 27 de maio); Boqueixón (Roteiro de Pescadores e Río Grande, 2 de xuño); Dodro (Brañas de Laíño, 9 de xuño); Vilagarcía de Arousa (Circular polo Xiabre dende o mirador sobre o Ulla ata o embalse, 10 de xuño); Antas de Ulla (Ulloando polo nacemento, 1 de xullo), Vedra (Ruta Vía da Prata e San Xoán da Cova, 5 de agosto); Agolada (O sobreiral do Arnego, 11 de agosto), A Estrada (Os sóns do Ulla, 1 de setembro); Valga (O val do Ulla, 8 de setembro); Pontecesures (Ollando o Ullán, 9 de setembro); Teo (As beiras do Ulla, 15 de setembro); Silleda (Roteiro da Historia de Praia de Cira ata Ponteledesma-Gres, 22 de setembro); Arzúa (Ruta da Fervenza das Hortas, 29 de setembro); Catoira (O Ulla desde Abalo, 30 de setembro); Padrón (Recunchos do Ulla e Sar, 6 de outubro); Rianxo (As tres cruces, 13 de outubro); Santiso (Muiño das Cañizas e Capela de San Xurxo, 20 de outubro); Touro (Fervenza das Horas Santa Marta a Ponte Basebe, 27 de outubro); e Vila de Cruces (Ollares-Ponte Basebe, 28 de outubro).

Gran Ruta do Ulla

Os representantes do 20 concellos que impulsan Goza do Ulla reuníronse a semana pasada en Vilagarcía de Arousa. A reunión serviu para sentar as bases da a creación da Gran Ruta do Ulla, que se creará coa unión dos roteiros habilitados por cada concello. Esta gran ruta de sendeirismo, co Ulla como referencia, terá máis de 250 quilómetros de sendeiros ininterrompidos que terán como nexo común a curso fluvial. A meta é lograr tamén a homologación deste trazado como Gran Ruta por parte da Federación Galega de Montañismo. Tamén se tramitará a súa inclusión na Rede de Camiños Naturais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.

Esta iniciativa de Gran Ruta do Ulla conta co compromiso de participación da Xunta de Galicia na redacción do proxecto e na súa execución. Para a súa posta en marcha é preciso constituír unha asociación cos 20 concellos participantes. O borrador dos estatutos xa está elaborado e remitirase en breve a todos os municipios para que o revisen antes de proceder a súa aprobación e a constituír oficialmente a entidade.