Mércores 15 de Agosto de 2018

O Concello de Santiago celebra o Día das Letras Galegas con actividades ata finais de mes


O Concello está a desenvolver unha ampla programación para celebrar o Día das Letras Galegas, con actividades centralizadas en dous departamentos: Acción Cultural e Centros Cívicos. As súas responsables, Branca Novoneyra e Concha Fernández, presentaron hoxe as diferentes propostas, pensadas tanto para o público infantil como para o adulto.

A concelleira de Centros Cívicos subliñou “o papel activo que o Concello de Santiago sempre quere ter no Día das Letras Galegas, porque é unha maneira de reivindicar o patrimonio inmaterial máis importante que herdamos e que debemos deixarlles aos nosos fillos e fillas”. Concha Fernández tamén se referiu á figura de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano, da que destacou que “sen ser galega de nacemento, foi galega de querencia, e soubo traballar para manter a nosa lingua e transmitírllela aos nenos e nenas, mesmo nos tempos escuros do franquismo”.

Programación de Centros Cívicos
A concelleira de Centros Cívicos explicou que na programación do seu Departamento “inclúense moitas actividades pensadas para os nenos e as nenas, pero tamén para o público adulto”. Entre as propostas infantís, Concha Fernández salientou “as actividades de animación á lectura que se veñen desenvolvendo en centros como os de Conxo, A Trisca, Vite ou Santa Marta, e que permiten que os nenos e nenas se acheguen á literatura en xeral e á figura de María Victoria Moreno en particular”.

Tamén se referiu ás propostas de teatro e danza e aos contacontos. Neste apartado, a concelleira puxo o énfase na proposta Liñas Paralelas, que dirixe Pepe Sendón, e que inicia nova temporada esta mesma tarde no centro da Trisca. Explicou que esta edición do programa, xa consolidado, estará dedicada aos “contos composteláns”. A cita é ás oito da tarde, con entrada libre ata completar aforo.

Outra das propostas destacadas é a obra Dura Lex, que Volta e Dalle Teatro representará o venres 1 de xuño no Centro Cívico de Santa Marta.

Dende o Departamento de Centros Cívicos tamén se organizan diferentes roteiros para celebrar o Día das Letras Galegas. Entre eles, a concelleira salientou a visita ao Museo do Pobo Galego e ao Panteón de Galegos Ilustres prevista para o 19 de maio.

Acción Cultural
Pola súa banda, a concellería de Acción Cultural puxo o acento nos paseos comentados do Día das Letras Galegas que se celebrarán os días 16, 17 e 18 de maio. Branca Novoneyra explicou que “os itinerarios están pensados para facer un repaso pola historia do Días Letras Galegas e polas persoas homenaxeadas en cada 17 de maio desde 1963”.

As visitas están organizadas en colaboración con MaOs Innovación Social. Óscar Senra explicou que o percorrido conta con nove paradas, durará ao redor de hora e media e permitirá “resumir 800 anos de historia da literatura de Galicia e lembrar as 56 persoas homenaxeadas ata o de agora no Día das Letras Galegas”.

Os paseos comentados partirán das escaleiras do Museo do Pobo Galego e rematarán na praza de San Martiño Pinario. Hoxe e o venres, os percorridos comezarán ás 20:00 horas. Mañá xpves, 17 de maio, o inicio está previsto para as 19:00 horas, e o paseo incluirá un recital da man de Celia Parra e unha actuación de peche de Alba María.

A inscrición é de balde, a través do correo paseos.compostela@maos.gal. Tamén se pode realizar por Whatsapp ou Telegram no teléfono 694 474 166, indicando o nome, correo electrónico e día no que se desexa participar no paseo.

Convite ao Xardín das Pedras que Falan
A concelleira de Acción Cultural aproveitou a rolda de prensa de hoxe para facer un chamamento á veciñanza a aproveitar o 17 de maio para “coñecer o Xardín das Pedras que Falan, que foi inaugurado esta mesma semana en Fonseca, e que o Concello e a USC fixeron realidade a partir dunha idea do escritor Suso de Toro”.

Branca Novoneyra explicou que a principal proposta da súa concellería para celebrar as Letras Galegas serán “os paseos literarios que nos descubrirán os lugares de Compostela vinculados aos autores e autoras que veñen sendo homenaxeados nos 17 de maio”.