Venres 03 de Xullo de 2020

Lousame reivindica que se dedique un Día das Letras Galegas a Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme


O Concello de Lousame editará un libro cos 28 poemas en galego escritos por Zernadas de Castro

A Igrexa de Fruíme (Lousame) volveu ser un clamor por cuarto ano consecutivo na reivindicación da dedicación dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como “o cura de Fruíme”. “Hoxe estamos aquí celebrando un acto reivindicativo de que a Zernadas de Castro se lle tiña que ter dedicado este Día das Letras Galegas algún ano, e xa dende hai moito tempo”, indicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Unha reivindicación na que foi apoiada polo conferenciante deste ano, Carlos García Cortés, profesor emérito do Instituto Teolóxico de Compostela, quen asegurou que “hoxe estamos nun acto para honrar, difundir e tamén reivindicar un Día das Letras Galegas para Zernadas de Castro”, de quen dixo que “escribiu 28 poemas en galego, que suman un milleiro de versos, que só por iso merece pasar á historia da literatura galega”. De feito, se o ano pasado o acto reivindicou a figura de Zernadas de Castro coma un xornalista do século XVIII, García Cortés centrouse este ano nun aspecto máis descoñecido: a súa obra como poeta.

Edición de libro

Ante estas afirmacións, Teresa Villaverde amosou a disposición do Concello de Lousame a editar eses 28 poemas recollidos por Carlos García Cortés, quen agradeceu o ofrecemento. Así mesmo, a alcaldesa de Lousame reiterou que “imos seguir enviando á Real Academia Galega a petición de recoñecemento para Zernadas de Castro, aínda que teñamos que facelo todos os meses do ano”. Ata a edición dese libro de poesía, o Concello de Lousame repartiu entre todos os asistentes ao acto de hoxe a separata: “Cara o III Centenario do Cura de Fruíme”, publicada no número 38-39 da Revista galega de pastoral (1998) e asinada por Carlos García Cortés.

Villaverde recomendou a lectura desta separata porque “Zernadas de Castro non só foi un cura. Foi unha persoa que amou profundamente a Lousame, a Galicia, o galego e o rural”. Neste sentido, Carlos García Cortés lembrou como o profesor asociado de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid Xosé Manuel Rivas Troitiño, poñente neste mesmo acto en 2017, salientara que o cura de Fruíme fora “un precursor do galeguismo”. “Nunca renunciou a ser galego. Era castelán falante, como todo o mundo naquela época. Pero chegou a Fruíme e empezou a darse conta de que tiña que falar a lingua da xente”, explicou García Cortés, quen mesmo indicou que “chegou a picarse co canónigo de Santiago, que renegaba do galego e chamaba a Zernadas un cura con resabios de gallego”.

Porén, García Cortés explicou que “cando Zernadas de Castro fala de Galicia, fala de nación. Hai políticos e partidos que din que acuñaron este termo nación, pero resulta que xa o usaba o cura de Fruíme dous séculos antes”. Así mesmo, salientou que “escribía cun estilo ilustrado, pero tamén se preocupaba de que os nenos tiveran unha escola, de promover obras sociais, de axudar aos desfavorecidos”.

Ofrenda floral

A homenaxe rematou cunha ofrenda floral no busto dedicado a Zernadas de Castro, baixo os acordes do himno galego, e cun concerto a cargo de tres bandas folclóricas de Lousame: Canlebó de Camboño, O Son do Pote (Tállara) e Zernadas de Castro (Fruíme), formación que chegou a ter nos seus mellores tempos máis de vinte membros e que na actualidade está a recompoñerse.

Ao acto, celebrado no interior e no atrio da Igrexa de Fruíme, asistiron medio cento de persoas. Estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada polas concelleiras de Ensino, Silvia Agrafojo; e Mocidade, María Regenjo.