Martes 02 de Marzo de 2021

O Concello de Brión programa dous cursos formativos para este verán: monitor de tempo libre e manexo de carretilla elevadora


O Concello de Brión programa para este verán dous cursos formativos: monitor de tempo libre e manexo de carretilla elevadora. Dous cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición na Casa da Cultura, no 981 50 99 08 ou a través do mail empregobrion@gmail.com.

O curso de manexo de carretilla elevadora consta de 24 horas lectivas e custa 30 euros. Terá lugar no centro social polivalente entre o 4 e o 7 de xuño, en horario de 9:30 a 13.30 (luns 4 e martes 5) e de 9:30 a 13:00 e de 16:00 a 20 horas (mércores 6 e xoves 7).

Pola súa banda, o de monitor/a de tempo libre é un curso intensivo de 350 horas, das que 200 serán teóricas e terán lugar no polivalente ou na Casa da Cultura. O seu prezo é de 150 euros e para cursalo só é preciso ter 18 anos e o título da ESO (ou Graduado Escolar). Haberá dous grupos: do 2 ao 30 de xullo (de 9 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:30 horas) e do 2 de xullo ao 28 de agosto (de 9:00 a 14:00 horas).