Mércores 20 de Xuño de 2018

Noia acollerá o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala


Participarán as seleccións de Galicia, Madrid, Murcia, Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha do 25 ao 27 de maio no pavillón municipal Agustín Mourís

O pavillón polideportivo municipal Agustín Mourís de Noia acollerá do 25 ao 27 de maio o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala, no que participarán os equipos de Galicia, Madrid e Murcia (Grupo A) e Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha (Grupo B). Un torneo que foi presentado esta mañá polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e polo alcalde de Noia, Santiago Freire; que estiveron acompañados polo concelleiro de Deportes noiés, Ramón Santos; o responsable de Fútbol Sala da Federación, Pablo Prieto; e o presidente do Noia FS, Severino Barreiro.

Santiago Freire salientou que “para Noia é unha satisfacción poder acoller este evento dentro dos actos conmemorativos do 850 aniversario, que inclúe actos de todo tipo co obxectivo de promover a nosa vila e dala a coñecer en toda España”. Neste sentido, o alcalde noiés salientou que “agardo que as participantes e as súas familias se sintan a gusto en Noia” e lembrou que “este campionato vai traer visitantes á vila doutras autonomías que agardamos que repercutan favorablemente na economía da nosa hostalería e comercio local”.

Referente en fútbol sala feminino

Pola súa banda, Rafael Louzán agradeceu a colaboración amosada polo Concello de Noia e polo Noia FS na organización deste campionato . “Esta localidade está a facer un gran labor no ámbito do fútbol sala”, lembrou Louzán, quen indicou que “en Galicia xa se celebraron tres campionatos de España de fútbol sala: Redondela, Burela e este de Noia, do que só falta agardar que sexa todo un éxito”. Finalmente, o presidente da Federación Galega de Fútbol confiou en que as integrantes da selección galega estarán presentes na final do domingo 27. “Somos un referente do fútbol sala feminino, xunto con Madrid, Andalucía e Cataluña”, apuntou Louzán.

O responsable de Fútbol Sala da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, salientou que “Noia é unha vila que respira fútbol sala polos catro costados e pola gran cantidade que público que asiste” e anunciou que os equipos chegarán á vila o xoves 24. Finalmente, o concelleiro Ramón Santo indicou que este campionato é “unha aposta decidida polo deporte de base no municipio, que é o enfoque principal desta Concellería de Deportes e do Goberno de Noia”.

Horarios
O Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala desputarase no pavillón polideportivo municipal Agustín Mourís os días 25, 26 e 27 de maio. Participarán seis seleccións, divididas en dous grupos: Galicia, Madrid e Murcia (Grupo A) e Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha (Grupo B).

A fase de grupos terá lugar durante o venres 25 e a mañá do sábado 26. Abrirán o campionato Madrid e Murcia (10:00 horas), seguidos de Cataluña – Castela A Mancha (12:00 horas). Pola tarde, ás 17:00 horas, chegará o debut das rapazas de Galicia, que xogarán contra o perdedor do Madrid-Murcia. Ás 19:00 horas, Andalucía pechará a xornada xogando contra o perdedor do Cataluña-Castela A Mancha. Para a mañá do sábado 26 quedan os dous encontros restantes: Galicia contra o gañador do Madrid-Murica (10:00 horas) e o Andalucía contra gañador do Cataluña-Castela A Mancha (12:00 horas).

Na tarde do sábado 26 terán lugar a final de consolación (entre os terceiros de cada grupo) e as semifinais entre o primeiro do grupo A e o segundo do grupo B (18:00 horas) e entre o primeiro do grupo B e o segundo do grupo A (20:00 horas). Uns horarios que poderían ser modificados para non coincidir coa final da Champions League. A gran final terá lugar o domingo 27 de maio, ás 12:00 horas.