Martes 21 de Agosto de 2018

O CRA Boqueixón-Vedra celebra unha andaina na Vía da Prata


O alcalde recibiu ao alumnado no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde participaron nun contacontos sobre os mitos arredor deste ‘Monte Sagrado’

Un total de 110 alumnos e alumnas e 15 profesores do CRA Boqueixón-Vedra participaron hoxe nunha xornada de natureza e cultura. Co gallo da celebración da Romería do Pico de Maio (que terá lugar este domingo), persoal e alumnado de Educación Infantil e Primaria das distintas escolas unitarias desprazáronse á Ponte de Vilanova (Vedra) dende onde iniciaron o percorrido a través da Vía da Prata.

O percorrido, de aproximadamente dúas horas, concluíu no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde organizaron o almorzo para despois iniciar actividades de lecer. O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, achegouse ao lugar para participar nun encontro cos cativos e cativas do CRA Boqueixón-Vedra a quen explicou a importancia do Pico Sacro como punto de referencia dentro da cultura xacobea.

Importancia na que tamén se incidiu a través da sesión de contacontos que se desenvolveu durante a tarde. Un dos profesores do CRA Boqueixón-Vedra foi o encargado de amosar e explicar aos cativos, coa maqueta do Pico Sacro como ferramenta, os distintos aspectos do tamén coñecido como Monte Sagrado.

O percorrido pola Vía da Prata encádrase dentro das actividades de lecer fóra das aulas organizadas pola dirección do CRA Boqueixón-Vedra. Unha xornada coa que se pretendeu achegar aos máis cativos e cativas a un enclave de importancia para o Val da Ulla como Pico Sacro.