Martes 21 de Agosto de 2018

Noia alberga ata o domingo o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala


O Concello de Noia recibiu ás 72 xogadoras das seleccións de Galicia, Madrid, Murcia, Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha e aos seus respectivos corpos técnicos

O Concello de Noia acolleu na noite de onte xoves unha recepción oficial ás 72 xogadoras e corpos técnicos das seis seleccións que compiten no Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala, que se xoga dende hoxe venres ata o domingo 27 de maio no pavillón polideportivo municipal Agustín Mourís. As seleccións de Galicia, Madrid, Murcia, Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha foron recibidas polo concelleiro de Deportes de Noia, Ramón Santos; polo responsable de Fútbol Sala da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e polo presidente do Noia FS, Severino Barreiro.

Ramón Santos volveu agradecer á Federación Galega de Fútbol que elixiran Noia para a celebración deste campionato xa que “ademais de estar apostando polo deporte de base e por unha modalidade con arraigo en Noia como é o fútbol sala, este torneo tamén repercutirá favorablemente no sector hostaleiro e comercial da vila, xa que son moitas as familias que se desprazaron dende as súas respectivas comunidades para asistir ao torneo”.

Pola súa banda, Pablo Prieto felicitou a todas as seleccionadas por ter chegado á fase final “do último campionato da temporada 2017-2018. E é o último porque é o máis importante”. Por iso, desexoulles ás xogadoras que “ademais de competir, aproveitedes estes días para convivir coas compañeiras. Só me queda desexar que gañe a mellor selección e que todas as persoas desfruten do mellor fútbol feminino”.

Campionato

O Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala arrincou esta mañá no polideportivo Agustín Mourís coa liguiña entre os equipos de Galicia, Madrid e Murcia (Grupo A) e Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha (Grupo B). O primeiro partido, entre as seleccións de Madrid e Murcia, rematou con empate a 1 gol, gañando Madrid na quenda de penaltis. Isto significa que a selección galega debutará ás 17:00 horas fronte á selección de Murcia. En breves minutos xogarase o Cataluña – Castela A Mancha.

Pola tarde, ademais do partido da seleccion galega, ás 19:00 horas Andalucía pechará a xornada xogando contra o perdedor do Cataluña-Castela A Mancha. Para a mañá do sábado 26 quedan os dous encontros restantes: Galicia contra Madrid (10:00 horas) e o Andalucía contra gañador do Cataluña-Castela A Mancha (tamén ás 10:00 horas pero no pavillón Alonso Rodríguez).

Os horarios da tarde do sábado 26 cambiaron para non coincidiren coa final da Champions League. Así, a final de consolación (entre os terceiros de cada grupo) terá lugar ás 17:00 horas no pavillón Alonso Rodríguez, mentres que a esa mesma hora se xogará no Agustín Mourís a semifinal entre o primeiro do grupo A e o segundo do grupo B. A segunda semifinal, entre o primeiro do grupo B e o segundo do grupo A, será ás 19:00 horas no polideportivo Agustín Mourís. A gran final terá lugar o domingo 27 de maio, ás 12:00 horas.