Mércores 20 de Xuño de 2018

Participación da Mancomunidade de Ordes no novo plan ‘Activa o teu emprendemento’


Nesta nova iniciativa participan un total dunha ducia de mulleres inmigrantes

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes está a desenvolver un novo plan de emprego e emprendemento en igualdade denominado ‘Activa o teu emprendemento’. Nesta iniciativa laboral participan unha ducia de mulleres inmigrantes con permiso de traballo e nacionalidade de países non integrantes da Unión Europea.

Susana García, concelleira de Traballo de Ordes, efectuou unha visita á aula onde se desenvolve esta iniciativa, interesándose polos proxectos que están a desenvolver as participantes.

As principais adquisicións que se pretenden alcanzar con esta nova iniciativa están relacionadas coas habilidades e competencias para o emprego e o emprendemento, así como aquelas vinculadas ás competencias dixitais. E todo isto a través do estudo e a análise de materias relacionadas con condicións laborais, competencias profesionais, habilidades sociolaborais no mercado de traballo e na procura de emprego, autoemprego, valoración de ideas (Modelo Canvas), busca de emprego en liña (Linkedin), técnicas e ferramentas na procura de emprego, e procesos de selección.

Neste novo plan participan Fundación Mujeres, CIM Mancomunidade de Ordes, Xunta de Galicia, Unión Europea, Ministerio de Emprego e Seguridade Social e Fondo Social Europeo.