Xoves 18 de Outubro de 2018

Noia aproba bonificacións fiscais entre o 50 e o 95% do IBI, ICIO e IAE para empresas que se instalen e xeren emprego no municipio


O Pleno aproba por unanimidade a moción da Marea Cidadá de Noia convocar a Mesa do Comercio Local para analizar medidas para promover o comercio no municipio

As empresas que se instalen en Noia poderán acceder a bonificacións fiscais de entre o 50 e o 95% do IBI, ICIO e IAE sempre que xeren novos postos de traballo no municipio. Así o aprobou o Pleno Municipal na súa sesión ordinaria do mes de maio, na que todos os puntos da orde do día, mocións incluídas, saíron adiante co apoio unánime de todos os grupos municipais.

A sesión comezou cun respectuoso minuto de silencio en memoria do ex alcalde de Outes, Carlos López Crespo. Despois, o pleno aprobou sen debate as modificacións das ordenanzas reguladoras do Imposto sobre Ben Inmobles (IBI), do Imposto de Actividades Económicas (IAE) e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para introducir bonificacións para aquelas empresas que se instalen en Noia en función da cantidade de postos de traballo que xeren. Así, nos tres casos as bonificacións serán do 95% para as que xeren máis de 20 novos empregos, do 75% para as que creen entre 11 e 20 traballos, e 50% para as firmas que supoñan o nacemento de ata 10 empregos.

Así mesmo, o pleno aprobou a resolución dun expediente de investigación sobre a titularidade dun camiño en Redondelo, que tras as averiguacións realizadas pasa a ser ben demanial de dominio público.

Mesa de comercio local

O pleno tamén aprobou unha moción da Marea Cidadá de Noia para a convocatoria da Mesa de Comercio Local no prazo dun mes para analizar medidas para promover o comercio no municipio, logo de que o voceiro do grupo propoñente, Manuel Seijas, retirara os tres primeiros puntos da proposta. Seijas propuxera “medidas para coidar da economía e das pequenas empresas do noso concello” entre as que figuraban unha liña de crédito de 150.000 euros nos próximos orzamentos para un Plan de Emprego Local, medidas para promover o aluguer de locais, 30.000 euros para unha plataforma de comercio online ou a creación dun programa cultural para a dinamización das rúas.

O voceiro do NOIA, José Pérez, pediulle a Seijas que “temos que ser máis serios á hora de facer propostas”, sinalando que “é curioso que propoña facer un programa cultural cando neste mesmo salón pediu que se baixara a partida para cultura”. Pérez lembrou que “hai unha programación de rúas vivas, na que antes que actuaba en 2 prazas e agora en 10”. Así mesmo, puxo en dúbida que o Concello de Noia tivera competencias para acometer algunhas das medidas propostas: “hai cousas que preguntaremos aos servizos técnicos e xurídicos por se as podemos facer”.

Pola súa banda, o alcalde de Noia, Santiago Freire, lembrou que “hai cousas que todos compartimos e que incluso xa están en marcha”, salientando o volume de actividades culturais e deportivas que se realizan en Noia, así como os 30.000 euros achegados a Noia Histórica para colaborar na implantación dunha plataforma de comercio electrónico. “A Mesa de Comercio Local é o foro para tratar estes temas, pero tamén será necesario facelo en comisións informativas que tamén convocaremos”, anunciou Freire Abeijón.

Fronte ás críticas da Marea Cidadá de Noia sobre a non utilización do Plan de Emprego Local en 2017, Freire recomendoulle ao voceiro que “revise a documentación porque se fixo uso para a contratación dos auxiliares de policía”. Así mesmo, ante as preguntas do PSOE sobre a ordenanza de terrazas, Freire Abeijón puntualizou que “hai un borrador de ordenanza de terrazas e haberá que tratalo entre todos para buscar minimizar o impacto no sector hostaleiro e elaborar unha ordenanza o máis axeitada posible para todos”.

Ponte do Campo

Pola súa banda, o PSOE viu aprobada a súa moción na que solicitaba que “antes de que remate o ano 2018 se fagan cantas accións sexan necesarias de mantemento e conservación para mellorar o estado no que se atopa a ponte do Campo de Noia”, explicou o voceiro socialista, José Manuel Lage. A concelleira do BNG, Irati García, apoiou a moción xa que “a ponte presenta un estado que dota e tristura a Noia”; mentres que o voceiro da Marea Cidadá de Noia pediu “que non se tarde 18 anos en actuar”.

Santiago Freire explicou que “non imos tardar 18 anos, incluso hai actuacións que poderán facerse de inmediato, como nas varandas e que están previstas acometer o vindeiro mes de xuño. Ademais, hai aprobadas unhas actuacións por parte de Costas no inicio da ponte”.

A anécdota da sesión tivo lugar na quenda de “mocións de urxencia” xa que o grupo municipal socialista non presentou a súa e se decatou da situación cando a concelleira do BNG ía iniciar a súa quenda de rogos e preguntas. Isto motivou a suspensión do pleno durante 5 minutos, nos que Santiago Freire e José M. Lage debateron sobre as posibilidades legais de volver sobre o punto anterior. Finalmente, o alcalde preguntou ao secretario municipal se era posible volver abrir un punto da orde do día que xa fora pechado, ante o cal o funcionario ratificou que “no es posible volver a un punto anterior”, polo que a moción socialista non foi admitida.