Venres 20 de Xullo de 2018

O Concello de Lousame pon a disposición da veciñanza “Lousame informa”, unha APP gratuíta para recibir información municipal


Permitirá aos veciños e veciñas recibir de forma inmediata e a través dos seus móbiles todos os bandos, anuncios e información municipal

O Concello de Lousame vén de poñer en marcha “Lousame Informa”, unha APP gratuíta para dispositivos móbiles e tablets que permitirá aos veciños e veciñas recibir de forma inmediata toda a información municipal de interese: bandos, anuncios e novas. A APP pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play (buscando polo nome “Lousame Informa”) para os usuarios da plataforma Android ou na App Store (procurar “Bandomovil”) para os dispositivos con IOS de Apple.

Os veciños e veciñas que non teñan terminais compatibles, como as Blackberry ou os Windows Phone, tamén poden acceder a toda esta información a través da web www.bandomovil.com/lousame, especialmente adaptada a este tipo de teléfonos móbiles.

“Lousame Informa” é unha aplicación moi sinxela de utilizar e está estruturada de forma que o veciño ou veciña poderá configurala e usala de acordo ás súas necesidades ou intereses. A primeira é a sección que dá nome á aplicación, “Lousame Informa”, que enviará á veciñanza notificacións emerxentes e instantáneas aos seus terminais móbiles sobre cinco categorías: cultura e ocio, horarios, servizos, novas e información xeral. Unha información que se complementa cunha axenda de actividades e eventos, así como cun listín telefónico.