Martes 21 de Agosto de 2018

Obradoiros de reciclaxe, seguridade viaria e Día da Bici centran este sábado o programa do Concello de Noia polo Día do Medio Ambiente


A temática deste ano será a redución da contaminación por plásticos

O Concello de Noia conmemorará este sábado 9 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente cunha serie de obradoiros e actividades que terán lugar na alameda e na praza do Curro baixo a lenda “Sen contaminación por plástico”. “Cada ano vértense nos océanos oito millóns de toneladas de plástico, o que ameaza a vida mariña e humana, ademais de destruír os ecosistemas naturais. Por iso, dende o Concello de Noia queremos aproveitar as actividades polo Día Mundial do Medio Ambiente para facer un chamamento á veciñanza en favor dunha vila sen contaminación por plásticos”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri.

A pesar de que o Día Mundial do Medio Ambiente se conmemora hoxe martes, o Concello de Noia optou por trasladar as actividades á fin de semana para facilitar unha maior participación veciñal, sobre todo do público máis novo. Unhas actividades que terán lugar de 10:30 a 19:30 horas na Alameda e de 17:00 a 20:30 horas na praza do Curro.

Programación

A xornada comezará ás 10:30 horas na Alameda cun circuíto de Karting, que se verá complementado pola tarde cun circuíto de seguridade viaria (a partir das 16:30 horas). Entre as 11:00 e as 14:00 horas terán lugar diversos obradoiros de reciclaxe, así como unha divertida sesión de photocall. Xa pola tarde, a alameda de Noia acollerá unha serie de inchables deportivos así como unha nova edición do Día da Bici, que terá lugar de 18:00 a 19:00 horas. Paralelamente, na praza do Curro terán lugar tamén novos obradoiros para fomentar a conciencia ecolóxica da rapazada.

“Todas as actividades estarán organizadas en torno ao tema que este ano escolleu a ONU para conmemorar esta xornada: sen contaminación por plástico”, indica Ángela Neri, polo que “a mensaxe será rexeitar o plástico descartable e, se non podes, reutilízao e recíclao nos contedores axeitados. Xuntos podemos camiñar cara un planeta e unha vila máis limpos e verdes”. Como todas as actividades terán lugar ao aire libre, en caso de condicións meteorolóxicas adversas posporanse para o domingo 10 de xuño.