Luns 24 de Setembro de 2018

O Concello destina máis de 300.000 euros ao mantemento dos centros escolares durante o verán


O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe das actuacións en materia de mantemento que o Concello levará a cabo durante este verán en todos os centros públicos de Santiago e que ascenden a 313.357 euros. Trátase de arranxos demandados polos equipos directivos dos centros, tras trasladarllo ao departamento que dirixe Manuel Dios.

No que ten que ver coas escolas infantís, unha da que recibirán maior orzamento é a de Conxo, con máis de 25.000 euros para arranxar a cuberta, canalizar as augas pluviais no exterior ou substituír os estores das aulas. Nas escolas infantís coxestionadas co Consorcio de Servizos de Igualdade do Tambre, San Roque e Tras Parlamento tamén se acometerán actuacións de calado, como a instalación de pavimento das terrazas exteriores no caso da do Tambre, a substitución e posterior pintado da carpintería exterior na de San Roque ou o pintado da fachada en Tras Parlamento. Na Escola Infantil Municipal das Fontiñas acometerase o pintado de varias aulas e na EIM de Meixonfrío-Salgueiriños colocarase un valado de madeira no xardín exterior da escola.

Infantil e Primaria
No caso dos centros de Educación Infantil e Primaria, o CEIP Lamas de Abade e o CEIP das Fontiñas recibirán actuacións de mantemento por importe de máis de 30.000 euros. En Lamas de Abade pintarase toda a fachada e substituirase o falso teito dos baños. No caso do CEIP das Fontiñas, a actuación de maior calado será a substitución da cuberta nun módulo de infantil. Tamén destacan os preto de 22.000 euros que se destinarán á substitución de carpintería de aluminio no CEIP Monte dos Postes ou os preto de 17.000 que se investirán, polo mesmo concepto, no CEIP de Vite.

No CEIP Apóstolo Santiago instalarase un novo rocódromo para a práctica deportiva do alumnado e no CEIP Arquitecto Casas Novoa investiranse 17.000 euros para a colocación de novo pavimento en varias aulas e para acometer diversas actuacións na cociña do centro. Nos colexios Cardenal Quiroga Palacios, López Ferreiro, Pío XII, Ramón Cabanillas ou Roxos Villestro tamén se realizarán actuacións de mantemento como pintado de aulas, arranxo de teitos ou colocación de varandas, entre outras.

Parques infantís
Durante este verán reformaranse varios parques infantís dos centros de Educación Infantil e Primaria do municipio. En concreto, destinaranse preto de 4.500 euros ao parque do CEIP Rodríguez Xixirei (Lavacolla), case 9.000 ao do Raíña Fabiola e arredor de 2.000 á Escola de Rial-Laraño.

O Concello tamén acometerá obras durante o verán no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela, que ascenderán a preto de 20.000 euros, para a impermeabilización do espazo. Ademais, pintarase o Centro Educativo e de Lecer “María Miramontes” interna e externamente por un importe de case 20.000 euros.