Venres 27 de Novembro de 2020

A área de Mocidade de San Sadurniño prepara unha nova edición do programa de lecer alternativo «Venres en Sansa»


A primeira cita desenvolverase o venres 15 de xuño e xa está aberto o prazo de inscrición tanto para ela como para as seguintes, previstas para o 14 de setembro e o 12 de outubro

Os «Venres en Sansa» son un conxunto de propostas de lecer alternativo deseñadas para a mocidade de entre 12 e 35 anos que se desenvolven ás portas da fin de semana en distintos puntos do centro urbano e algunhas delas de forma simultánea. As actividades comezan á tardiña e prolónganse até a madrugada, co obxectivo de que a xente nova conte con fórmulas e espazos diferentes nos que pasalo ben e relacionarse con persoas da súa mesma idade. Esta será a cuarta edición do programa impulsado pola área de Mocidade que, nesta ocasión, se celebrará o venres 15 de xuño, o venres 14 de setembro e o venres 12 de outubro. A data límite para inscribirse é o mércores anterior a cada unha desas datas. Polo tanto, para o primeiro dos «Venres en Sansa», o do 15 de xuño, haberá que anotarse entregando a ficha na Casa da Cultura o mércores 13 como moi tarde. Na mesma folla -descargable na web municipal- tamén se poderá reservar praza para as actividades de setembro e outubro.

Os «Venres en Sansa» ofrecen moito onde escoller. O día 15 de xuño haberá tirolina nos xardíns municipais, unha ruta de sendeirismo nocturno, un obradoiro de educación canina, outro de cociña creativa e, o que seguramente xunte máis xente, unha batalla de paintball ao pé do Xubia que se desenvolverá en tres quendas desde as 19 até as 22.00h.

En setembro a oferta inclúe danzas urbanas, graffiti, drons, mindfulness e un obradoiro de preparación de combinados sen alcol. O último «Venres en Sansa», o do 12 de outubro, ten preparadas clases de parkour, baile moderno e salsa, zumba, malabares e unha quedada para facer unha ruta nocturna en BTT que ofertará 200 prazas. Todas as actividades e os horarios poden consultarse no cadro que hai algo máis abaixo ou en www.sansadurnino.gal.

A iniciativa enmárcase no programa municipal de actividades para a mocidade e, neste sentido, todas van dirixidas só a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos. Para participar nelas terán prioridade persoas empadroadas no concello e as prazas dispoñibles en cada actividade irán cubríndose por orde de inscrición. Malia isto, de non chegarse ao cupo previsto, tamén poderán participar persoas de máis idade e incluso doutros municipios.

Para apuntarse haberá que cubrir o modelo dispoñible na web e entregalo na Casa da Cultura de luns a venres en horario de mañá -de 8.30 a 15.00h.- ou na Biblioteca municipal en horario de 15.30 a 20.30h.. A solicitude ten que achegarse, como moi tarde, o mércores anterior ao día en que se vaian celebrar as actividades, que son gratuítas.

Cómpre ter en conta tamén que moitas delas se desenvolverán ao mesmo tempo, polo que se recomenda repasar antes o programa de cada día para ver cales son as que máis nos interesan. Tamén é importante mirar con detemento se debemos levar algo, como roupa recomendable, lanternas, bicicleta, o mandil ou incluso o can.

En “Venres en Sansa” implicáronse os departamentos municipais de Cultura, Deportes, Mocidade, Igualdade e Desenvolvemento local que nesta cuarta edición volverán contar coa colaboración do club BTT Biela e Chaveta, do Club Brío e do CPI de San Sadurniño.

Venres 15 de xuño

Paintball
Horario: 19.00 a 22.00h.(3 quendas)
Nº de prazas: 60 (20 por quenda)
Lugar: Presa do paseo fluvial
Idades: 12 a 35 anos
Tirolina xigante
Horario: 19.00 a 21.00h.
Nº de prazas: –
Lugar: Xardíns municipais
Idades: 12 a 35 anos
Obradoiro de educación canina
Horario: 21.30 a 23.30h.
Nº de prazas: 10 persoas con can
Lugar: Patio cuberto do CPI
Idades:12 a 35 anos
Obradoiro de Cociña creativa
Horario: 23.15 a 01.00h.
Nº de prazas: 15
Lugar: Patio cuberto do CPI
Idades:12 a 35 anos
Ruta de sendeirismo nocturno
Horario: 22.00h a 01.00h.
Nº de prazas: 40
Lugar: saída do CPI
Idades:12 a 35 anos
 

Venres 14 de setembro

Danzas urbanas
Horario: 19.00 a 21.00h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Casa da Cultura
Idades: 12 a 35 anos
Manexo de Drons
Horario: 19.15 a 21.15h.
Nº de prazas: 12
Lugar: Pavillón municipal
Idades:12 a 35 anos
Graffiti
Horario: 21.15 a 23.15h.
Nº de prazas: 40
Lugar: Muro do CPI
Idades: 12 a 35 anos
Mindfulness
Horario: 21 a 23.00h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Casa da Cultura
Idades:12 a 35 anos
Cócteles e combinados sen alcol
Horario: 23.00h a 01.00h.
Nº de prazas: 15
Lugar: Aula do patio cuberto do CPI
Idades:12 a 35 anos
 

Venres 12 de outubro

Ruta BTT Nocturna
Horario: 19.00 a 01.00h.
Nº de prazas: 200 (Bici, casco e lanterna)
Lugar: Saída e chegada no CPI
Idades: 12 a 35 anos
Baile moderno e Salsa
Horario: 19.30 a 21.30h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Casa da Cultura
Idades:12 a 35 anos
Malabares
Horario: 19.30 a 21.30h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Ximnasio do CPI
Idades: 12 a 35 anos
Zumba
Horario: 21.30 a 23.00h.
Nº de prazas: 30
Lugar: Ximnasio do CPI
Idades: 12 a 35 anos
Parkour
Horario: 21.30 a 23.30h.
Nº de prazas: –
Lugar: Casa da Cultura
Idades: 12 a 35 anos